Actualidade
Os centros de ensino dispoñen desde este mes de xuño de novos materiais para as aulas de Lingua Galega e Literatura, destinados ao niveis educativos de 2º e 4º da ESO e adaptados ao novo marco lexislativo da LOMCE.
Promovido pola editorial Baía Edicións, este novo material didáctico para a materia de Lingua Galega e Literatura forma parte dun proxecto educativo máis amplo que abrangue todo os niveis do ensino secundario obrigatorio. Conforme ao calendario de implantación establecido na LOMCE, no curso 2015-2016 saíron do prelo os libros de texto dirixidos a 1º e 3º da ESO; mentres, neste ano de 2016, acaban de publicarse os destinados a 2º e 4º da ESO.
Xoán López Viñas e Cilha Lourenço Módia, profesor e profesora da Universidade da Coruña e membros do Grupo ILLA, xunto con María Vilariño Suárez, asinan este novo material educativo.
O libro de 2º da ESO estrutúrase en doce unidades. Cada unidade presenta dez bloques: 1) Lectura; 2) Expresión escrita; 3) Lingua e texto; 4) Léxico; 5) Gramática; 6) Expresión oral; 7) Ortografía; 8) Literatura; 9) Técnicas de traballo (unidades impares) / Lingua e sociedade (unidades pares); 10) Reforzo e autoavaliación.
1) Lectura. Textos próximos aos gustos e aos intereses do alumnado, con calidade literaria, heteroxeneidade xenérica, paridade de autores e autoras e contidos transversais.
2) Expresión escrita. Modelos textuais diversos (do ámbito cotián, de carácter formal e informal etc.).
3) Lingua e texto. Estruturas textuais variadas.
4) Léxico. Vocabulario temático con apoio visual. Fraseoloxía. Precisión léxico-semántica.
5) Gramática. Funcionamento da lingua. Categorías gramaticais.
6) Expresión oral. Práctica oral de diferentes situación comunicativas (dar explicacións, dar os parabéns, expresar coincidencia…).
7) Ortografía. Acentuación. Puntuación. Uso de determinadas letras e de palabras xuntas ou separadas.
8) Literatura. Xéneros e subxéneros literarios. Relación entre a literatura e outras disciplinas artísticas.
9) Técnicas de traballo. Estratexias de análise e de síntese do contido; Lingua e sociedade. Nocións básicas de sociolingüística presentadas a través de fichas de traballo lúdicas e intuitivas.
10) Reforzo e autoavaliación. Reforzo das competencias e autoavaliación dos contidos e das destrezas.