Actualidade


Presentación de A visión do amor no cancioneiro de Don Denis
27 de abril de 2016
Linda Rama, A Coruña

Deseño cartaz: Alberto Carballido

 

Presentación do libro A visión do amor no cancioneiro de Don Denis. Estudo e edición de 33 cantigas de amor, o xoves 27 de abril, ás 20.00 h, na Linda Rama da Coruña.


Leticia Eirín García, profesora da Universidade da Coruña e membro do Grupo ILLA, presenta a obra A visión do amor no cancioneiro de Don Denis. Estudo e edición de 33 cantigas de amor (Edicións Laiovento) o xoves 27 de abril, ás 20.00 h, no café-livros Linda Rama da Coruña (rúa Porta de Ares, 4, Cidade Vella). No acto, a autora estará acompañada por outros dous membros do Grupo ILLA: a profesora Teresa López e o profesor Manuel Ferreiro.  

A visión do amor no cancioneiro de Don Denis contén un corpus textual constituído por trinta e tres cantigas de amor do rei e trobador portugués Don Denis (1261-1325), que recollen de modo explícito o motivo da visión da dama, tópico xa presente na literatura desde a Antigüidade Clásica. A través dos textos, Leticia Eirín García vai trazando unha análise desde a perspectiva da visión e do amor trobadoresco, unha panorámica do sentimento amoroso experimentado pola voz poética masculina, cuxa xénese vén dada precisamente pola contemplación da senhor. Este estudo vai acompañado do comentario retórico e literario de cada unha das trinta e tres composicións, así como da súa fixación textual, realizada seguindo as tendencias "neo-lachmanianas" e outras achegas actuais e significativas da crítica textual.

O cancioneiro de Don Denis, composto por cento trinta e sete cantigas, fai del o trobador máis prolífico da nosa poesía medieval, mais este destaca tamén cualitativamente, debido á unión nas súas composicións da tradición poética previa con elementos innovadores, así como polo diálogo que establece con outras escolas, sobre todo a provenzal. Neste sentido, o presente traballo pretende pór en relevo a singularidade da produción lírica de don Denis dentro da homoxeneidade formal que caracteriza a nosa poesía medieval, ponderando, de por parte, o seu papel como o último grande monarca da escola trobadoresca galego-portuguesa, feito que redundará no (re)coñecemento, recuperación e valoración do noso patrimonio cultural e literario.