Actualidade


La Spagna Plurale III: pluralità, diversità e visibilità di genere
2-4 de marzo de 2016
Boloña

Entre o 2 e o 4 de marzo celebrarase, na Università di Bologna, a terceira edición do congreso La Spagna plurale, con presenza de tres membros do Grupo ILLA.


O congreso La Spagna Plurale III: pluralità, diversità e visibilità di genere (2-4 de marzo de 2016) está organizado pola Scuola di Lingue e Letterature, Traduzione e Interpretazione e polo Dipartimento di Lingue, Letterature e Culture Moderne da Università di Bologna.

 

Esta será a terceira edición deste congreso, que segue a manter como eixe principal o estudo e reflexión dos aspectos lingüísticos, artísticos e históricos das diferentes linguas e culturas existentes en España. Nesta edición centrará a atención no tema do discurso de xénero e a súa pluralidade, coa intención de profundizar no modo en que as diferentes linguas e culturas afrontan este aspecto.

 

Tres membros do Grupo ILLA da Universidade da Coruña acudirán a Boloña para presentar os seus estudos e investigacións referentes ao xénero na literatura galega: Teresa López, Laura Tato Fontaíña e Carlos Caetano Biscainho. A profesora Teresa López falará, o xoves 3 de marzo, sobre “Estratexias de visibilización da autoría feminina no século XIX: os poemas dedicados por Narcisa Pérez Reoyo a outras autoras”. Un día despois, o 4 de marzo, será a vez da profesora Laura Tato Fontaíña e do profesor Carlos C. Biscainho. A primeira presentará a comunicación titulada “As personaxes femininas na obra dramática e nos guións de Ramón Otero Pedrayo”; e Carlos C. Biscainho, “As orientacións androcéntricas de García-Sabell na estrea na Coruña d’Os vellos non deben de namorarse en 1961”.

 

Máis información en: http://www.lilec-eventi.it/spagnaplurale/