Actualidade


Laura Tato, nova catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa
23 de xullo de 2019

Laura Tato Fontaíña, profesora titular na Universidade da Coruña e membro de ILLA, superou exitosamente no día de hoxe as probas para acceder á cátedra universitaria


A profesora Laura Tato vén desenvolvendo o seu traballo docente e investigador na Universidade da Coruña, principalmente nas Facultades de Filoloxía (Campus da Coruña) e Humanidades (Campus de Ferrol). 

Laura Tato é unha especialista recoñecida internacionalmente na historia do teatro galego, un ámbito académico en que ten publicado contribucións decisivas como Historia do teatro galego. Das orixes a 1936 (1999) e "O teatro desde 1936" (2000), alén de dirixir varios proxectos de investigación con financiamento ministerial. A profª Tato tamén desenvolveu un relevante traballo de investigación no campo da lírica medieval galego-portuguesa, con publicacións como O cancioneiro de Pero Meendiz da Fonseca (2007). 

Entre as distincións acadadas por Laura Tato destaca o Premio Extraordinario de Doutoramento, o Premio de Investigación Lingüística e Literaria Carvalho Calero e o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.

O dilatado currículo da profª Tato pode ser consultado en http://illa.udc.gal/ShowResearcherInformation.do?id=5

Desde o grupo ILLA queremos enviar os nosos máis cordiais parabéns á nova catedrática.