Actualidade


GLOSSA: Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa
26 de maio de 2016
A Coruña

O Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (GLOSSA) é un recurso en liña que ofrece ás persoas usuarias a posibilidade de consultar directamente as voces que conforman o corpus da lírica profana galego-portuguesa.


O Glosario da poesía medieval galego-portuguesa (GLOSSA) constitúe o primeiro repertorio lexical dicionarizado, contextualizado e exhaustivo do corpus da lírica profana galego-portuguesa: cantigas de amor, cantigas de amigo e mais cantigas de escarnho e de maldizer, para alén dalgúns textos doutros xéneros con menor representación. Pode visitarse na páxina web: http://glossa.gal/.

GLOSSA nace no seo do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña, baixo a dirección de Manuel Ferreiro,en calidade de investigador principal, e coa colaboración doutros membros de ILLA, cales Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei, Xoán López Viñas, Leticia Eirín García e Estefanía Mosquera Castro, e mais de Bieito Arias Freixedo da Universidade de Vigo.

Este Glosario é realizado ao abeiro dos proxectos de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. I. Cantigas de amor e cantigas de amigo e Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. II. Cantigas de escarnho e de mal dizer , financiados polo Ministerio de Ciencia y Tecnología e polo Ministerio de Economía y Competitividad, sucesivamente, durante o período de 2010 a 2015. Mais este repertorio continuará medrando nos próximos anos, 2016-2018, xa que o Ministerio de Economía y Competitividad acaba de concederlle o terceiro proxecto: Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. III. Edición crítica dixital das cantigas de amor.