Actualidade


Galo Salinas no Grupo ILLA
9 de marzo de 2916
A Coruña

O 14 de marzo de 1852 nace na Coruña o escritor Galo Salinas Rodríguez, unha das figuras máis representativa do noso teatro rexionalista.


Galo Salinas naceu na Coruña en 1852 e morreu na mesma cidade en 1926. Foi un dos pioneiros do teatro galego e un escritor prolífico. Na Coruña fundou e dirixiu a Revista Gallega. Semanario de Literatura e intereses regionales (1895-1907), en que escribiron, entre outros, Leandro Carré, Francisco Tettamancy e Florencio Vaamonde, e entrou en contacto cos intelectuais da Cova Céltica.

 

Iniciou a súa faceta como dramaturgo en 1890, ano en que gañou o certame literario convocado polo Liceo Brigantino da Coruña co drama histórico nun acto titulado A torre de Peito Burdelo e, en 1892, volveu gañar o único certame dese ano que contemplaba o teatro, o de Pontevedra, co drama Filla…! De 1896 é o primeiro escrito teórico sobre o teatro galego: Memoria acerca del teatro gallego. Causas de su poco desarrollo e influencia que en el mismo puede ejercer el regionalismo. Neste escrito, Salinas considera que o rexionalismo podía corrixir estas deficiencias a través dun mecenas, dun empresario xeneroso, rexionalista e amante do país, que investise diñerio nunha campaña de teatro galego, para percorrer Galiza mostrando o teatro autóctono. O nome de Galo Salinas tamén está intimamente ligado á Escola Rexional de Declamación creada na Coruña en 1903 e desaparecida en 1904.

 

A Biblioteca-Arquivo Teatral “Francisco Pillado Mayor”, presidida e coordinada por membros do Grupo ILLA, publicou en 2012 o libro Textos recuperados. De Galo Salinas a Castelao, con edición e notas da profesora Iolanda Galanes e con estudo introdutorio de Laura Tato Fontaíña. Neste volume recupéranse unha serie de textos do período comprendido entre 1903 e 1923 que poden axudar a clarificar ou documentar algunhas zonas escuras da historia do teatro galego. Son un total de dezanove textos, entre eles catro da autoría do dramaturgo Galo Salinas que permiten matizar a evolución deste pioneiro do teatro galego: Sabela, comedia nun acto, estreada en 1903, en Madrid, polo cadro de declamación do Centro Gallego desa cidade; Entre dous mundos. Poema dramático nun acto e en prosa, peza innovadora de 1919 que incorpora ao universo teatral galego a clase media urbana; Copas e bastos. Sainete de feitos gallegos, nun acto, peza estreada na Coruña en 1922 que supuxo unha volta aos ambientes e personaxes populares; por último, tamén de carácter humorístico-tradicional, o monólogo Os meus amores, datado na Coruña en 1922.