Publicacións


Lingua galega e literatura 1º ESO

Autoría

López Viñas, Xoán / Lourenço Módia, Cilha / María Vilariño Suárez

ISBN

978-84-9995-167-6

Editorial

Baía Edicións

Data de publicación

2015

Número de páxinas

224

Descrición


Promovido pola editorial Baía Edicións, este novo material didáctico para a materia de Lingua Galega e Literatura forma parte dun proxecto educativo máis amplo que abrangue todos os niveis do ensino secundario obrigatorio.

Este manual de 1º da ESO estrutúrase en 12 unidades divididas en oito bloques de contido e unha ficha de reforzo de competencias e de autoavaliación ao remate de cada unidade. Alén disto, ao final do volume, inclúense varios anexos: un completo apéndice gramatical, tres xogos de parchís para practicar os verbos, un modelo de ficha de lectura e un proxecto por trimestre (“O legado antroponímico”, “A fala da vosa contorna” e “A banda sonora da aula”).

1) Lectura. Textos próximos aos gustos e aos intereses do alumnado, con calidade literaria, heteroxeneidade xenérica, paridade de autores e autoras e contidos transversais.

2) Expresión escrita. Modelos textuais diversos (do ámbito cotián, de carácter formal e informal etc.).

3) Léxico. Vocabulario temático con apoio visual. Fraseoloxía. Precisión léxico-semántica.

4) Gramática. Funcionamento da lingua. Categorías gramaticais. Gramática do texto.

5) Expresión oral.  Práctica oral de diferentes situacións comunicativas (Quen es?; Onde vives?; Que tempo vai?...).

6) Ortografía. Acentuación. Puntuación. Uso de determinadas letras e de palabras xuntas ou separadas.

7) Literatura. Xéneros literarios e recursos estilísticos.

8) Técnicas de traballo (unidades impares) e Lingua e sociedade (unidades pares). Estratexias de análise e  de síntese do contido. Elaboración de traballos académicos. Nocións básicas e sociolingüística presentadas a través de fichas de traballo lúdicas e intuitivas.

No remate de cada unha das doce unidades, inclúese unha ficha práctica de reforzo das sete competencias establecidas na LOMCE e unha ficha de autoavaliación dos contidos e das destrezas adquiridas. Este apartado conta sempre cun texto non literario, variado, actual e próximo á realidade do alumnado como input. A partir del desenvólvese unha serie de actividades que teñen como obxecto valorar a comprensión textual xunto con outro conxunto destinado a traballar e reforzar de forma integrada as sete competencias clave.