Publicacións


Lingua galega e literatura 3º ESO

Autoría

López Viñas, Xoán / Lourenço Módia, Cilha / María Vilariño Suárez

ISBN

978-84-9995-168-3

Editorial

Baía Edicións

Data de publicación

2015

Número de páxinas

296

Descrición


Promovido pola editorial Baía Edicións, este novo material didáctico para a materia de Lingua Galega e Literatura forma parte dun proxecto educativo máis amplo que abrangue todos os niveis do ensino secundario obrigatorio.

Este manual de 3º da ESO estrutúrase en 12 unidades e conta con varios anexos situados ao final do volume. Cada unha das unidades presenta oito bloques de contido e unha ficha de reforzo de competencias:

1) Lectura. Textos próximos aos gustos e aos intereses do alumnado, con calidade literaria, heteroxeneidade xenérica (xéneros narrativo, lírico e dramático, e textos extraídos de xornais, revistas, folletos etc.), paridade de autores e autoras e contidos transversais.

2) Expresión oral.  Práctica oral de diferentes situacións comunicativas (pedir información, describir unha persoa, contraargumentar…) cuxa pretensión principal é desenvolver no alumnado habilidades de expresión oral e de escoita.

3) Lingua e texto. Modelos textuais diversos (do ámbito cotián, de carácter formal e informal etc.) que propician a reflexión desde un punto de vista teórico sobre a estrutura idónea para os diferentes modelos textuais, mais tamén se introducen prácticas que permiten experimentar eses coñecementos.

4) Léxico. Divídese en dous apartados: un de léxico, que incorpora vocabulario temático con apoio visual, e outro de semántica, con contidos e actividades referidos á organización do léxico e ao seu enriquecemento.

5) Gramática. Unidade introdutoria centrada na lingua e na súa organización e logo o estudo e a análise das diferentes categorías gramaticais, presentando os contidos en cadros e seguindo unha terminoloxía moderna e coherente.

6) Ortografía. Contidos teóricos (acentuación, uso dos sinais de puntuación e as regras de uso de letras e palabras de especial dificultade) acompañados de exemplos e actividades.

7) Lingua e sociedade. Dous tipos de contidos: un abrangue as etapas da historia da lingua galega até 1916, e outro afonda en conceptos como bilingüismo, diglosia, conflito lingüístico, normalización lingüística, lingua estándar, lusofonía, variedades lingüísticas dos galego, lexislación lingüística etc. As actividades propostas procuran potenciar no alumnado a investigación, a resolución de problemas e profundizan de maneira particular tanto na competencia dixital como na competencia de aprender a aprender.

8) Literatura. Os contidos (xéneros literarios e recursos estilísticos; literatura galega desde as orixes até 1916) preséntanse acompañados de dous bloques de actividades: un primeiro vinculado aos conceptos da unidade e un segundo que depende dun conxunto de textos representativos de períodos e autores/as cos que finaliza este bloque.

No remate de cada unha das doce unidades, inclúese unha ficha práctica de reforzo das sete competencias que se recollen na LOMCE. Este apartado conta sempre cun texto non literario, variado, actual e próximo á realidade do alumnado como input. A partir del desenvólvese unha serie de actividades que teñen como obxecto valorar a comprensión textual xunto con outro conxunto destinado a traballar e reforzar de forma integrada as sete competencias clave.