Persoal investigador integrado


Xoán López Viñas

Contratado doutor interino
881014774

Xoán López Viñas (Caión, 1981) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña (2003), con premio extraordinario, e doutor pola Universidade da Coruña (2012), tamén con premio extraordinario.

Tras ser Profesor Axudante desde o ano 2007 e posteriormente Axudante Doutor, na actualidade exerce a docencia como Profesor Interino de Substitución na Facultade de Filoloxía, onde leva impartindo materias de lingua galega nos niveis de licenciatura, grao e mestrado.

A súa actividade investigadora céntrase fundamentalmente na Lingüística Histórica e na Gramática sincrónica, para alén da Ecdótica e a Crítica Textual. Entre as súas publicacións destacan o Dicionario de afixos do galego medieval (2015), resultado dunha parte da súa tese doutoral sobre A formación de palabras no galego medieval: afixación ‒defendida en 2012‒; a Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión (2010, 1.ª ed.; 2011,2.ª ed.), en coautoría con Cilha Lourenço e Maria Moreda e merecente do Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao mellor libro educativo do ano 2010; as edicións críticas da Memoria crítico-bibliográfica del Teatro Regional Gallego (2006), de Uxío Carré Aldao, e de O frade das dúas almas (2009, en colaboración con Teresa López), de Xosé Tobío Mayo. Así mesmo, tamén é autor, xunto con Cilha Lourenço e María Vilariño, dos libros de texto para os catro cursos da ESO (2015-2016).

Alén disto, en 2004 gañou o I Premio Luísa Villalta da UDC a iniciativas normalizadoras polo deseño dunha campaña de normalización lingüística e no ano 2014 concedéronlle o IX Premio de Investigación 'Concepción Arenal' de Humanidades 2014 polo proxecto Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (www.glossa.gal), dirixido por Manuel Ferreiro.

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses