Persoal investigador integrado


Carlos Paulo Martínez Pereiro

Catedrático de Universidade
881011729

Carlos Paulo Martínez Pereiro (Mera de Oleiros, A Coruña, 1955), Licenciado en Filoloxía Hispánica (1979), e Filoloxía Galego-Portuguesa (1979), Doutor, nesta última filoloxía, tamén pola Universidade de Santiago de Compostela (1990), cunha Tese sobre as relacións entre a pintura e a literatura vangardistas na obra de Almada Negreiros, é Profesor Catedrático da Área de Coñecemento de Filoloxía Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, traballando basicamente nos campos da literatura medieval galego-portuguesa, das literaturas contemporáneas e das relacións entre escrita e plástica nas literaturas en lingua galega e portuguesa.

Investigador principal de varios proxectos de investigación competitivos e director de diversas teses de doutoramento e licenciatura, é editor de textos de diferentes períodos dos ámbitos literarios en galego e en portugués e autor de numerosos artigos e relatorios en congresos, revistas e outras publicacións especializadas.

Deu á luz, entre outros, os seguinte libros monográficos As cantigas de Fernan Paez de Tamalancos. Edición crítica (1992), Natura das animalhas. Bestiario medieval da lírica profana galego-portuguesa (1996), A Pintura nas Palavras. "A Engomadeira" de Almada Negreiros: Uma Novela em Chave Plástica (1996), Hospital das letras. In(ter)vencións e ensaios literarios (1997), A indócil liberdade de nomear. Por volta da "interpretatio nominis" na literatura trovadoresca (1999), Querer crer entrever. Expresións críticas de reflexión e lectura (2007) e A man que caligrafando pensa. Do plástico-escritural á manuscrita novoneyriana (2010), así como, en coautoría con Alva Martínez Teixeiro, do estudo e edición Machado de Assis e a mundana comédia. Cinco peças teatrais (2017).

En 1992, foille outorgado o 'Premio de Investigación Xunta de Galicia ao mellor traballo publicado en revista científica ou capítulo de libro na Área de Humanidades' polo artigo "Au sujet des chevaux in-existants dans la poésie satirique galicienne-portugaise du Moyen-Âge" e, en 1999, o 'Premio Espiral Maior de Ensaio' á monografía A indócil liberdade de nomear. En 2007 e 2010, as obras Querer crer entrever entrever e A man que caligrafando pensa foron finalistas, na categoría de ensaio, do 'Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega'.

Na actualidade, é Coordinador do Programa Oficial de “Doutoramento en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués” e, entre 1907 e 2017, foi Director da 'Serie Branca (Outras Literaturas Teatrais)' e da 'Serie Gris (Pensamento e Estética)' e mais Coordinador das Publicacións da Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor".


  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos