CATÁLOGO DE NOVELA HISTÓRICA GALEGA
Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza


Presentación
Catálogo
                 .por autor

                 .por obra (alfabético)

                 .por obra (cronolóxico)
Estudos
Bibliografía
                 .criterios de organización

                 .listaxe bibliográfica
Membros do proxecto
Agradecementos




PRESENTACIÓN

Esta páxina web recolle o Catálogo de novela histórica galega, unha parte substancial dos resultados do proxecto Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR), subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia (resolución do 30 de outubro de 2007, publicado no DOG de 7 de novembro). 

Este proxecto pretendeu facer un levantamento, o máis exhaustivo posíbel, das producións narrativas galegas que responden ao título xenérico de “ficción histórica”. Efectivamente, o xénero “novela histórica” converteuse nunha moda literaria de razoábel éxito nos últimos anos, a raíz, fundamentalmente, de grandes éxitos internacionais que aquí chegaron a través de traducións como Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar e O Nome da Rosa de Umberto Eco, para non citarmos o Eu, Claudio de Robert Graves. Esas obras espertaron o gosto pola novela histórica, e na súa esteira, a literatura galega tamén entrou nesa liña seducida por un crecente mercado. 

Porén, a novela histórica, que no Romantismo suscitou o interese de todos os escritores, porque a partir dela se formulaban os principios identitarios das nacións europeas, non tivo presenza na Galiza, xa que aquí, nesa altura do século XIX, aínda non existía unha literatura nacional. Este xénero vai aparecer con obras que se poden considerar epigonais do movemento, como as novelas de López Ferreiro. 

Partindo, pois, da constatación da presenza e importancia do xénero na literatura galega polo que tivo de formulación identitaria, nuns casos, e polo que tivo de moda artística, noutros, o presente proxecto estabeleceu unha baliza cronolóxica da ficción galega entre 1885 (en que se publica A tecedeira de Bonaval) e 1980 (referendo do Estatuto de Autonomía), case cen anos, ao todo, que falan do vigor dun xénero que ten, ademais, un grande favor do público. Inclúense aquí novelas e novelas curtas do xénero estudado, prescindindo dalgún conto que eventualmente puidese estar englobado nesta epígrafe. Non está presente nin o teatro, nin algúns poemas narrativos que, sendo ficción histórica, responden a outros moldes xenéricos. 

O concepto “ficción histórica” foi, aliás, considerado de forma ampla, abranxendo non só aquelas obras históricas senso estrictu, como tamén a escrita memorialística, de grande impacto, sobre todo a referida á guerra civil.

O catálogo que presentamos pode consultarse por obra (en listaxe cronolóxica e alfabética) e por autor. De cada obra elaborouse unha ficha informativa con datos editoriais –nun sentido lato, incluíndo a reprodución das capas–, narratolóxicos, unha breve recensión e, nalgúns casos, certos pormenores de interese. Figuran nel obras canónicas na literatura galega e outras ignoradas ou semiesquecidas. Cada unha das fichas das diferentes obras en estudo vai asinada pola autora respectiva pois, aínda respondendo a un proxecto colectivo, cada persoa introduciu a súa particular visión do tema e no estilo da presentación. 

No apartado estudos dáse entrada a traballos de membros do proxecto, realizados durante o seu período de vixencia, inéditos ou presentados no ámbito de reunión científicas mais non publicados. Son abordaxes xerais dalgúns dos moitos temas que se cruzan no terreo da novela histórica, da perspectiva da historia e da literatura, ou aproximacións puntuais a obras e autores presentes no catálogo. Finalmente, para fornecer a quen consultar este traballo dunhas referencias contextuais necesarias, foi incorporada unha sección bibliográfica

Esperamos que a difusión pública destes materiais contribúa para o estudo dun xénero literario hoxe de plena actualidade e cunha longa historia na literatura galega.

Francisco Salinas Portugal


            Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
                  
     Contacto: novelahistgal@yahoo.es      © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                            Deseño e realización técnica: Laura Mariño, 2011