Cabalgadas en Salnés
Fermín Bouza Brey

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A trama transcorre en dúas xornadas, na primeira delas o fidalgo da Pantrigueira parte cara a Iñobre. Esa mesma noite dá con Xan Quinto e os bandoleiros que o acompañan e xuntos trazan o plan para rescatar a moza da casa do Oidor. Na segunda xornada precipítanse os acontecementos no interior do pazo de don Amador. Dous días máis auméntanse a este cómputo para finalizar a historia da moza fuxida coa descuberta do seu cadáver.


Personaxes:

O personaxe principal é o didalgo da Pantrigueira, do que descoñecemos o seu nome, aínda que sabemos que ten 23 anos. Aparece un bo número de personaxes secundarios: o arrieiro de Fiolledo; Florenza, a autora da nota que inicia o enredo; don Amador, o Oidor da Real Audenza de Galiza; Inesa, muller do Fidalgo; Xan Quinto, xefe dos bandoleiro; Marta, criada de don Amador e moza de Xan Quinto e Bieito, o criado de don Amador.
Aparecen outros personaxes como o muiñeiro que lle di ao Fidalgo que xa saíu a última barca para Resende ou os bandoleiros que acompañan a Xan Quinto. Estes personaxes non se singularizan con nome propio, mais xogan un importante papel no revelado de información fundamental para o desenvolvemento da trama.
Xan Quinto é o único personaxe histórico. Hai certa confusión acerca da súa persoa, posto que en moitos casos é identificado cun suposto Juan Quinto, bandoleiro andaluz. Non obstante Juan Quinto, bandoleiro da comarca do Salnés, aparece referido noutras obras literarias como o conto “Juan Quinto” que abre a obra de Valle Inclán Jardín Umbrío: historias de santos, de almas en pena, de duendes y ladrones (1914). Habitualmente identifícase o pseudónimo Xan Quinto con Antonio Rodríguez Otero, nado en Araño (Rianxo) en 1847 e que actuou xunto cunha cuadrilla nas terras do Salnés principalmente entre 1870 e 1880.


Acontecementos históricos:

Non hai ningún acontecemento histórico concreto na novela aínda que si algunhas referencias que axudan a realizar o encadramento cronolóxico da mesma. A profesora Dolores Vilavedra sinala “o texto irá ofrecéndonos outros datos que nos permitirán unha datación máis exacta. Así, don Amaro desempeña o cargo de “Oidor da Real Audenza de Galiza” e sabemos que por aquel tempo circulaban moedas “de vinte reás de vellón” e outras “das de antes da francesada chamadas reás de a oito”. Disto podemos deducir que a acción transcorre despois de 1808 (ano da francesada) e posiblemente antes de 1834, data na que a Real Audiencia perde a súa relevancia como organismo gobernativo”. (Dolores Vilavedra, 1992: “Contribución a unha definición xenérica de Cabalgadas en Salnés”, Grial, t. XXX, nº 114, p. 196). Produciríase un desaxuste temporal entre estes feitos e os datos biográficos de Xan Quinto, nacido segundo a maior parte da documentación en 1847.


Tema:

Aventuras en que se ve envolto o fidalgo da Pantrigueira por mor dunha nota de auxilio que recibe da súa amante, Florenza. O curso da historia lévao a percibir que está sendo obxecto dun engano por parte dela que actúa como cómplice de don Amador para inculpalo nun crime que este pretende cometer, co obxecto de ocultar o seu terríbel comportamento, e a confabularse co bandoleiro Xan Quinto no rescate da súa moza.


Narrador:

Homodiexético e en primeira persoa. É un narrador-personaxe posto que vai contando os feitos tal e como a el lle acontecen e descoñece aspectos adicionais da trama ou das características dos outros personaxes que o acompañan.


Espazo narrativo:

A comarca do Salnés é o espazo principal. Todos os espazos externos aos que se fai referencia aparecen ao longo da viaxe que o fidalgo da Pantrigueira fai desde o seu pazo até o do Oidor, don Amador. Como espazos internos destaca o propio pazo de don Amador onde se desenvolven as secuencias finais da trama.


Estrutura narrativa:

A estrutura narrativa é lineal.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño