O mesón dos ermos
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Laura Mariño Sánchez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


A través do personaxe principal, o Xepe, presenciamos os cambios que se producen na sociedade rural do século XIX e que el mesmo representa, pois tras marchar das Lamas dos Ermos, a aldea na que vivía rodeado de miseria, convértese no criado de confianza do pazo do Pombeiro. Alí vai gañando cada vez máis poder até chegar a controlalo practicamente todo e, no tempo en que don Pedro de Agra marcha fuxindo da xustiza, consegue tamén a Frolinda, a cubana amigada co fidalgo. Ao ser descubertos, este ordena o embarque de todos cara ás Indias, de onde o Xepe volve oito anos despois coa muller e con moita máis riqueza da que calquera fidalgo podería posuír. 

Ao longo de toda a historia é constante a ambición insaciable de poder e riqueza deste personaxe, que o narrador e os demais participantes na novela nos recordan constantemente que acada por medios escuros: o comercio de escravos nas Indias, o roubo e mesmo o asasinato. 

Desde que constrúe o mesón nas Lamas dos Ermos, a aldea parece revivir co rebulicio dos hóspedes, mais a súa tía Catuxa, que sempre lle botou en cara ter marchado da casa cando máis falla facía, non está de acordo co negocio e faillo saber a todos. 

Ao coñecer a nova da morte de don Pedro, os fidalgos veciños mandan chamar o verdadeiro herdeiro, don Xacobe, que se instala no pazo. A través das conversas deste co seu amigo frei Xosé María Silva durante unha viaxe sabemos da nostalxia que ambos os dous senten por un pasado caduco imposible de recuperar. Ao saír do mesón, onde fixeron noite na súa viaxe, son asaltados pola banda do Bocareu, que os tortura e chantaxea a cambio de cincuenta onzas de ouro que o frade consegue ao venderlle desesperadamente algunhas terras do fidalgo a un escribán. A pesar de cumplir o trato cos ladróns, don Xacobe morre abandonado na serra e as terras do Pombeiro pasan a ser do Xepe, que sempre as desexara. 

Canto aos personaxes femininos da novela, destaca Xulia, a señorita de Vilarpunteiro, pola súa contraposición co papel tradicional da muller. Así, rexeita o mozo que escolleu o seu pai para ela e marcha a Francia cun militar para facer a Revolución; tras a morte deste volve co pai ao pazo e é a alegría do lugar organizando comidas e bailes no mesón, onde namora a todos os homes. Ao final casa e marcha a Canadá con Mister Murchisón, un enxeñeiro inglés que traballaba na serra. 

O Xepe e Bibiana, unha moza das Lamas namorada del dende pequena, atópanse casualmente nun cruzamento de camiños e foxen xuntos indo de pousada en pousada, até que el a abandona na Coruña, onde morre despois de vagar sen rumbo. No medio dunha busca desesperada, o marido de Bibiana (o ferreiro das Bouzas) atópase coa Catuxa, que lle lembra que hai que facer xustiza e queimar o mesón; ao saber que a muller morreu, decide volver xunto os fillos, mais antes de chegar á casa fai noite no mesón, e á mañá seguinte, xusto cando el sae, o mesón arde co Xepe e dona Frolinda dentro e, así, o lugar das Lamas dos Ermos volve sumerxirse na serra.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño