ORIENTACIÓNS PARA O/A REVISOR/A

Cuestións xerais

Co obxectivo de garantir a orixinalidade, a calidade e o rigor científico dos traballos recibidos, a Revista Galega de Filoloxía emprega un proceso de revisión por pares anónimos e externos (double-blind peer review process). Para avaliar os contributos, o/a revisor/a conta cun “Informe de revisión” en que deberá comentar e xustificar unha serie de aspectos estruturados á volta de cinco apartados (i. interese e ámbito temático; ii. presentación e estrutura; iii. contido; iv. fundamentación e metodoloxía; v. sistema de referenciación bibliográfica). Con todo, estas pautas son orientativas e o/a revisor/a poderá facer un uso libre da exposición dentro de cada sección.

1. Interese e ámbito temático
-A publicación é de interese para a comunidade científica?
-A publicación insírese no(s) ámbito(s) temáticos da Revista Galega de Filoloxía? [§1.1. das “Normas de presentación de traballos para a RGF”]
-O autor presenta un traballo orixinal, novo, valioso e/ou relevante para o ámbito de pesquisa?

2. Presentación e estrutura
-O título é adecuado e reflicte o contido do traballo? Ten unha extensión axeitada? Se for preciso facer algunha mudanza, mellora ou suxestión, tanto na lingua orixinal como na versión inglesa, indíqueo.
-O “Resumo” é claro e conciso? Achega suficiente información sobre os obxectivos, os principais resultados e as conclusións máis relevantes? Ten unha extensión adecuada? Se for preciso algunha mudanza, indíqueo.
-As “Palabras chave” son suficientes e adecuadas? Se for preciso algunha mudanza, indíqueo.
-Ten sumario?
-A estrutura e a organización do corpo do traballo en ítems ou epígrafes é apropiada?

3. Fundamentación e metodoloxía
-O traballo está ben fundamentado?
-A metodoloxía (ou as técnicas propostas para alcanzar o obxectivo de estudo) exponse e/ou utilízase de maneira apropiada?

4. Contido
-O estudo está organizado de acordo coas normas e procedementos básicos dun traballo de investigación (presentación, obxectivos, argumentación e conclusións)?
-O tema do traballo identifícase e delimítase de forma inmediata e clara?
-Os datos, as fontes e os materiais achegados son suficientes para poder replicar o estudo?
-Os resultados proporcionan información pertinente en relación cos obxectivos do estudo?
-As conclusións están plenamente xustificadas a partir dos datos expostos no corpo do texto? Son suficientes?

5. Recomendacións formais e bibliográficas
-As “Ilustracións e táboas” son suficientes e apropiadas?; son excesivas e redundantes?; son mellorábeis en presentación e interpretación? No seu caso, indique cales.
-As citacións e as referencias bibliográficas ao longo do texto aparecen recollidas nas “Referencias bibliográficas”? Se notar algún erro, indíqueo.
-A discusión bibliográfica é suficiente e fundaméntase nos traballos máis importantes e actualizados relacionados co tema da investigación? No caso de contemplar deficiencias, indique a(s) referencia(s) completa(s) para ser(en) trasladada(s) ao(s) autor(es) e/ou á(s) autora(s).

6. Observacións
Neste apartado pode indicar calquera comentario que considerar pertinente e/ou que non tiver cabida en ningún dos anteriores.