Quen somos

A Revista Galega de Filoloxía (RGF) constitúe unha publicación universitaria anual de investigación lingüística centrada no ámbito da filoloxía galega e portuguesa, dirixida pola Área de Filoloxías Galega e Portuguesa, integrada no Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.

O factor fundamental que explica o aparecemento da RGF é contribuír para que a nosa lingua dispoña de máis un foro científico que teña o galego como obxecto central de investigación. Unha outra razón reside no feito de, no día de hoxe, non existir ningunha publicación periódica de carácter estritamente lingúístico que sexa promovida desde un Departamento de Filoloxía Galega e na cal se desenvolvan temas e cuestións do noso ámbito lingüístico.

Coidamos que estas circunstancias xustifican a creación da presente Revista, ao paso que esta servirá, segundo se pretende, para se tornar nun núcleo de debate e de investigación científica. Nesta liña, a RGF aspira a se constituír nunha plataforma aberta,plural e rigorosa de investigación lingüistico-filolóxica, de xeito que contribúa para a consolidación dos estudos sobre filoloxía galego-portuguesa na Galiza. A RGF, por tanto, centrarase basicamente na análise do galego e do portugués, sen descoidar calquera outras linguas ou marcos de estudo que foren de interese para o noso ámbito

A RGF constará en todos os seus números de, polo menos, as seccións de "Artigos", "Notas" e "Recensións". Para o primeiro dos apartados, asemade, contémplase a posibilidade, se o traballo for moi longo, de se incluír na RGF en dous ou en máis números, ao paso que se tamén considerará a posibilidade da publicación de Anexos no caso de traballos de grande extensión e especial interese.

No tocante aos contidos, calquer contributo que desenvolver algún tema de carácter lingüístico terá cabida na RGF. Con todo, para estabelecermos unhas liñas orientativas, as disciplinas a que se consagra esta publicación poderían ser agrupadas do modo seguinte: Lingüística Xeral, Lingüística Comparada, Gramática, Historiografía Gramatical, Lingüística Histórica, Dialectoloxía, Sociolingüística e Socioloxía da Linguaxe, Psicolingüística, Lexicografía, Estilística e/ou Estudo da Linguaxe Literaria, Crítica Textual etc.