Actualidade
O volume está coordinado polo profesor e membro de ILLA, Manuel Ferreiro, quen tamén participa como autor, xunto con Mariña Arbor Aldea, Bieito Arias Freixedo e Leticia Eirín, esta última tamén integrante do grupo.
Nestes días vén de publicarse o volume Universo Cantigas. I. Cantigas de Amor, da autoría de Manuel Ferreiro (coord.), Mariña Arbor Aldea, Bieito Arias Freixedo e Leticia Eirín e editado polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña.
A obra recolle a edición das 704 cantigas de amor galego-portuguesas transmitidas polos cancioneiros medievais. O texto crítico de cada cantiga vai acompañado dunha paráfrase en galego actual, ademais da indicación das fontes manuscritas, das edicións anteriores existentes e dun código QR que liga cada poema coa súa edición dixital completa na web Universo Cantigas (https://universocantigas.gal/), ofrecendo así unha experiencia enriquecida e accesible.
Universo Cantigas é un proxecto do grupo de investigación ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega) da Universidade da Coruña.