Actualidade


Presentación de 'Elsinor en Finisterrae' e 'Estudos sobre gramática e sociolingüística galego-portuguesa'
27 de outubro de 2022, 19:30 h
NORMAL. Espazo de intervención cultural (UDC), Paseo de Ronda 47

Con estas obras ILLA recoñece o maxisterio intelectual de Laura Tato e de Xosé Ramón Freixeiro.


Elsinor en Finisterrae. Estudos transversais sobre teatro galego, coordinado por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes foi publicado pola editora Peter Lang logo dun rigoroso proceso de revisión por pares. Estudos sobre gramática e sociolingüística galego-portuguesa, sob a coordinación de Xosé Manuel Sánchez Rei, fai o número 13 das monografías da Revista Galega de Filoloxía, que vén de ser aceptada para a súa indexación en Scopus.

En Elsinor en Finisterrae queda patente a importancia do traballo de Laura Tato, profesora emérita da UDC e membro de ILLA, para a consolidación dos estudos teatrais galegos. O volume presenta un mosaico de perspectivas que pretenden ofrecer unha visión transversal e actualizada do teatro galego através da recuperación de textos esquecidos, da revisión da historiografía dramática, de estudos sobre o campo editorial e a tradución, da análise das relacións do teatro galego con outros xéneros e sistemas, do destaque da intervención das mulleres no campo escénico ou da pesquisa sobre o grao de fidelidade ao criterio filolóxico da produción espectacular.

No libro colaboran membros de ILLA (Manuel Ferreiro, Teresa López, Pilar García Negro, Leticia Eirín, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Isaac Lourido, Maria Filipowicz, alén do tamén editor Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes) xunto con nomes de referencia nos estudos do teatro galego (Henrique Rabuñal, Inma López Silva, Roberto Pascual, Emilio Ínsua, Luis Miguel Antelo, Euloxio Ruibal, Manuel F. Vieites, Elisa Serra) e profesorado da UDC (Roberto Samartim).

O conxunto de traballos reunidos en Estudos sobre gramática e sociolingüística galego-portuguesa pon de manifesto a relevancia das achegas de Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor emérito da UDC e membro de ILLA, no campo dos estudos gramaticais e sociolingüísticos. As colaboracións enmárcanse en diversos eixos cronololóxicos (diacrónico e sincronico) e en diferentes disciplinas e liñas de investigación (morfoloxía, lingüística textual, sintaxe, planificación lingüística, tradución etc.). 

Na obra colaboran membros de ILLA (Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, Manuel Ferreiro, María Pilar García Negro, Xoán Luís López Viñas e Xosé Manuel Sánchez Rei, coordinador do volume), profesorado das universidades galegas (Robert Neal Baxter, Carlos Garrido, Xavier Guinovart, María Jesús Lorenzo-Modia, Ramón Mariño, José Luís Rodríguez, Roberto Samartim),  portuguesas (Isabel Duarte, Maria Aldina Marques –colaboradora de ILLA–, Natália Pires, Helena Rebelo, Olinda Santana e José Teixeira), e doutros lugares do mundo (Sandra Pérez López da Universidade de Brasília, Aurélia Merlan da Universidade de Munique), ben como do ensino medio (María Fernández Zas, Damián Suárez). Este tomo contou co apoio do Servizo de Publicacións da UDC.

Ambos volumes serán presentados no curso dun acto en NORMAL que contará coa participación dos editores, Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes e Xosé Manuel Sánchez Rei, introducidos pola coordinadora de ILLA, Teresa López.