Actualidade


Palestra de Lorena López
29 de novembro 2022, 13:00 h
Sala de graos da Facultade de Filoloxía (UDC)

'Agora a literatura é delas? Espellismos e puntos cegos da visibilidade: o caso das narradoras' será o asunto da súa intervención.


ILLA organiza a palestra que Lorena López López, docente na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, impartirá o próximo martes na Facultade de Filoloxía.

Lorena López López é doutora en Estudos Hispánicos pola Universidade de Bangor (País de Gales), institución en que foi lectora de galego e español durante varios anos. A súa tese, orientada pola profesora Helena Miguélez-Carballeira, analizou a posición no sistema literario galego de catro narradoras actuais: Margarita Ledo Andión, Patricia A. Janeiro, Cris Pavón e Teresa Moure. Unha versión deste traballo académico acaba de ser publicada pola Através Editora co título Ainda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea.

Alén da súa carreira investigadora, a autora ten desenvolvido unha emerxente carreira como poeta, con títulos como Fase de trema (Premio Xosemaría Prez Parallé, 2011) e Coleópteros (Premio Leiras Pulpeiro, 2017), asinados ambos como Lorena Souto.