Actualidade


Exposición bibliográfica 'Vinte anos do Prestige: as artes contra a marea negra'
Novembro 2022
Biblioteca da Facultade de Filoloxía

A exposición está organizada polo estudantado da materia 'Poesía en lingua galega e portuguesa', da que é docente Isaac Lourido, membro de ILLA.


Desde o pasado día 22 de novembro pode visitarse nas dependencias da Biblioteca da Facultade de Filoloxía 'Vinte anos do Prestige: as artes contra a marea negra', unha exposición que lembra a catástrofe do petroleiro e quere servir como homenaxe a todas as persoas afectadas e mobilizadas. 

O día 13 de novembro de 2002 o Prestige afundía na costa galega ante a pasividade da Xunta de Galicia e das autoridades do Estado español. O naufraxio provocou un dos maiores desastres ecolóxicos da historia de Galiza, xerando unha inmediata resposta por parte da cidadanía galega, o movemento Nunca Máis. A bandeira galega tinxida de loito converteuse no símbolo da plataforma, que se distinguiu polas mobilizacións masivas nas rúas e polas manifestacións en todos os eidos artísticos (literatura, artes plásticas, fotografía).  

A exposición recolle grande parte do material bibliográfico que analizou e denunciou a catástrofe, organizándoo en cinco seccións: Crónica e análise política, Impacto ecolóxico, Libros de fotografía, Libros de creación e Libros de poesía. 

A entrada é libre. Haberá visitas guiadas os días 29 e 30 de novembro, ás 13:00 h e ás 16:00 h, respectivamente, previa inscrición no correo electrónico biblioteca.filoloxia@udc.gal ou no teléfono 881 011 712.