Actualidade
A palestra "Mulleres coa vida escrita" pechará este ano o ciclo que o grupo ILLA organiza en colaboración coa AC Alexandre Bóveda.
En "Mulleres coa vida escrita" Carme Vidal achegaranos a obra de varias escritoras pouco coñecidas, autoras de obras de carácter autobiográfico que deixaron memoria do golpe militar, o exilio e a represión franquista. Syra Alonso, Mercedes Núñez, Mariví Villaverde, Isabel Ríos, María Casares, Carme Parga, Marta Vidal, Silvia Mistral, María Tobío, as irmás Teresa e Ana María Alvajar son algúns dos seus nomes.
Carme Vidal é licenciada en Filosofía e Ciencias e Xornalismo pola USC e realizou o mestrado en Mestrado Literatura, cultura e diversidade da UDC. Exerceu como xornalista en varios medios, entre eles, A Nosa Terra e Sermos Galiza, en que foi responsábel das súas seccións de Cultura. Asesora da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza (2005-2009) e responsábel de comunicación da vicepresidencia da Deputación da Coruña (2015 a 2021). Na actualidade forma parte do Consello de Administración da CRTVG a proposta do BNG.
É autora da biografía de Maruxa Mallo e das introducións biográficas ás obras memorialísticas Diarios de Syra Alonso e Cárcere de Ventas de Mercedes Núñez. Publicou traballos sobre a recuperación da memoria das mulleres, entre elas Mª Luz Morales, Ana María Alvajar ou Pepa Noia. É coautora, xunto con David Barro, do libro de entrevistas Voces de Atlántica (Editorial Galaxia, 2001).