Actualidade


O profesor Freixeiro Mato publica a correspondencia entre Otero Pedrayo e Martínez Risco
Xuño de 2021

O catedrático da Facultade de Filoloxía da UDC e membro de ILLA transcribiu e editou cincuenta anos de correspondencia entre estes axentes no volume Ao abeiro da amizade. Epistolario 1926-1976.


O epistolario entre o escritor Ramón Otero Pedrayo e o que fora presidente da Real Academia Galega, Sebastián Martínez Risco, acaba de ser publicado na Editorial Galaxia nun volume transcrito, introducido e anotado por Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O volume é presentado como un conxunto de textos variados nos cales predominan a actividade cultural, fundamentalmente arredor da Real Academia Galega, dos seus actos e iniciativas, xunto co proceso de elaboración das propias obras e as súas peripecias editoriais, mais onde non faltan aspectos íntimos e persoais que poñen ao descuberto a calidade humana dos dous amigos: tristezas e alegrías por avatares familiares, humildade e modestia ao rexeitaren honras e louvanzas, xenerosidade no cumprimento de tarefas en prol da causa galeguista, conflitos e tensións coa sociedade do seu tempo e desinterese por prebendas persoais. 

Toda a información sobre a publicación pode ser consultada na páxina web da editora.