Actualidade
O ciclo, que ILLA organiza en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, desenvolverase nos meses de marzo a xuño.
A palestra, co título 'A proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos', parte de que a consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións cun carácter performativo.
Na intervención analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. Mostrarase como as autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico.