Actualidade


Pasamento de Francisco Pillado Mayor
Agosto de 2021

Francisco Pillado Mayor, referencia dos estudos teatrais galegos e presidente de honra da Biblioteca-Arquivo Teatral da Universidade da Coruña que leva o seu nome, faleceu o pasado 12 de agosto.


Con inmenso pesar, o grupo ILLA comunica o pasamento de Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941-2021), figura clave na cultura da Galiza nas últimas décadas, moi especialmente dos medios de comunicación, da edición e do teatro.

O autor coruñés exerceu unha intensa actividade de crítica e divulgación dramática en medios como A Nosa Terra, O Correo Galego, Radio Nacional de España, La Voz de Galicia ou a Cadena Ser, onde dirixiu o espazo "A escena e a pantalla" para as ondas coruñesas.

Na práctica teatral, Pillado destacou polo impulso dos grupos da Asociación Cultural O Facho (1965), da Escola Dramática Galega (1978), Luis Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990), empresas culturais que partillou con Manuel Lourenzo.

No mundo da edición, alén de participar en publicacións como os Cadernos da Escola Dramática Galega e dirixir a colección teatral "A biblioteca do Arlequín" de Sotelo Blanco, fundou, xunto con Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manuel González Millares e Alfonso Ribas, edicións Laiovento no ano 1990. De Laiovento, editora de referencia na Galiza, foi director literario até o ano 2014.

Á intensa actividade mencionada debemos sumar un inxente labor de tradución dramática de textos de Lorca, Chekhov, Strindberg, Beckett ou Ionesco, entre outros. Aliás, Pillado foi tamén estudioso e historiador do teatro galego. Con Manuel Lourenzo, escribiu O teatro galego (1979), preparou a Antoloxía do teatro galego (1982) e organizou o Dicionário do teatro galego (1987), bases imprescindíbeis no desenvolvemento da historiografía teatral galega. Ao teatro de Manuel Lugrís dedicou unha relevante monografía. Con Miguel Anxo Fernán-Vello preparou e publicou os libros de entrevistas Conversas en Compostela con Carballo Calero (1986), A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras (1989) e A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras (2004).

Sempre ligado á cultura, Pillado formou parte da Xunta Directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega (1984-1988) e do Consello Reitor do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) entre 1995 e 1997. A proposta do Parlamento de Galicia, Pillado foi nomeado membro do consello de administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia en 1997. No ámbito xornalístico, tamén destacou polo seu apoio desde 2011 á Fundación Praza Pública, editora do xornal praza.gal.

A dilatada traxectoria de Francisco Pillado Mayor valeulle en vida diversas homenaxes, como o Premio da Crítica en 1989 polo seu labor nos Cadernos da Escola Dramática Galega, o Premio Abrente de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia no 2012 ou o galardón Republicano de Honra 2017 da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, en recoñecemento á defensa dos valores republicanos e demócratas durante toda a súa vida.

A Universidade da Coruña, a súa Facultade de Filoloxía e o grupo ILLA deben á xenerosidade de Francisco Pillado Mayor a existencia da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, cuxos fondos proveñen da biblioteca persoal do autor e da cal facía parte como Presidente de Honra e membro do Consello Científico.

Desde ILLA queremos expresar o noso fondo agradecemento e admiración a un axente fundamental na dignificación do teatro galego, unha das áreas principais do noso labor investigador.

Que a terra lle sexa leve.