Actualidade


Unha palestra de Inma Doval abrirá unha nova edición do ciclo 'Aula aberta'
23 de marzo de 2023, 19:30 h
AC Alexandre Bóveda (A Coruña)

O ciclo, que ILLA organiza en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, desenvolverase nos meses de marzo a xuño.


A palestra, co título 'A proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos', parte de que a consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións cun carácter performativo. 

Na intervención analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. Mostrarase como as autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico. 

Inma Doval, licenciada en Historia da Arte moderna e contemporánea pola USC e mestra en Literatura, cultura e diversidade pola UDC, desenvolve na actualidade a súa tese sobre as relacións entre poesía e artes plásticas en mulleres poetas contemporáneas de Galicia, Portugal e Brasil dentro do Programa de Doutoramento en Estudos Literarios (UDC/UVigo) baixo a orientación do prof. Carlos Paulo Martínez Pereiro e integrada no Grupo ILLA. Bibliotecaria na Universidade da Coruña, é coordinadora do Club literario Nébeda, e artista multidisciplinar e activista cultural.