Actualidade
A profesora estadounidense ofrecerá unha conferencia titulada "De portas para fóra: traducir a literatura galega de onte e de hoxe".
Kathleen March, profesora emérita da University of Maine e directora do Centro de Estudos Galegos desta universidade, ofrecerá esta terza feira ás 13:00 unha conferencia dedicada á tradución da literatura galega. O acto está organizado polo grupo ILLA e está aberto á asistencia de todo o público interesado, sempre dentro das medidas obrigadas pola situación sanitaria.
March é autora de numerosos traballos de investigación sobre a literatura galega, así como responsábel de traducións para o inglés de obras como Arredor de si de R. Otero Pedrayo, Xente de aquí e acolá de Á. Cunqueiro ou antoloxías como Festa da palabra. An anthology of female Galician poets. Durante o mes de maio a profesora americana desfruta na Coruña da primeira estancia Xacobeo para tradución e traballará en verter ao inglés obras de Emma Pedreira e Marica Campo.