Actualidade


ILLA organiza unha mesa redonda no centenario de 'Alén' de Xaime Quintanilla
5 de outubro de 2021
Salón de graos da Facultade de Filoloxía

O acto, que comezará ás 11:30h, contará coa participación de Laura Tato, Carlos Biscainho e Manuel F. Vieites.


O grupo ILLA organizará o próximo martes 5 de outubro unha mesa redonda arredor de Alén, de Xaime Quintanilla, cuxa publicación cumpre 100 anos neste 2021.

No acto, que decorrerá a partir das 11:30h no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, intervirán os profesores e membros do Grupo ILLA Laura Tato e Carlos Biscainho, e o profesor da Universidade de Vigo Manuel F. Vieites.

Xaime Quintanilla foi un home comprometido coa política e a cultura galegas. Alcalde de Ferrol polo PSOE durante a Segunda República e fusilado após o golpe de Estado fascista, foi tamén membro das Irmandades da Fala, animador cultural, editor e un grande interesado polo teatro. Colaborou no coro Toxos e Frores como actor e director de varios epectáculos e escribiu as pezas de teatro Donosiña e Alén.

Esta segunda obra, nunca representada, é unha comedia dramática que transcorre na cidade de Nova York e que supuxo un cambio de paradigma na escrita dramática da época. Nela recréase a peripecia dunha sociedade espiritista á espera da volta do alén do seu mestre, pero tamén conta a historia dun amor imposible.