Actualidade
O vindeiro mércores 9 de outubro terá lugar o coloquio poético Unha rebeldía que estoura sen ruído, coa participación de Nuria Vil, Branca Trigo e Bea Saiáns e baixo a coordinación de Ánxela Lema, membro de ILLA.
Unha rebeldía que estoura sen ruído é o coloquio poético organizado polo grupo ILLA que reunirá as autoras Nuria Vil, Branca Trigo e Bea Saiáns. Baixo a coordinación da doutora Ánxela Lema, membro deste grupo, a actividade ten como obxectivo reflexionar sobre catro eixes: xénero, sexualidade, corporalidade e territorio coa vontade de descubrir como cada un deles intersecciona e se reflicte nas súas propostas literarias.
O acto terá lugar no Salón de Graos da Facutade de Filoloxía o mércores 9 de outubro ás 12:30 e pechará cun breve recital en que cada poeta lerá textos da súa autoría.
Nuria Vilán Prado é resitadora, comunicadora e performer, máis coñecida como Nuria Vil nos circuítos escénicos. Formouse en filoloxía hispánica e galega na UVigo e en Literatura Comparada na USC. Entre os seus traballos máis recentes destaca Delincuente (curtametraxe, dirixe Alba Domínguez), Declaro deserto (instalación sonora), Indóciles (espectáculo multidisciplinar) e Abride sinal (traballo en proceso, instalación). Fai parte da plataforma de crítica literaria A Sega. En 2022 forma parte do ciclo Pictura Fulgens no Museo Reina Sofía converténdose na primeira poeta en lingua galega da mostra.
No eido estritamente literario publicou Simún (Ed. Chan da Pólvora, 2021, 2022) e participou nas antoloxías Poetízate: poesía e rebelión (Ed. Xerais, 2024), Pictura Fulgens (Ed. Continta me tienes, 2023), Alguén nos lembrará (Ed. Xerais, 2023), Antoloxía biosbarda para parche (Ruin Alter Edicións, 2023), Así fala Penélope [unha antoloxía de xénero] (Ed. Chan da Pólvora, 2022), Poesía Galega Novísima (Ed. Urutau, 2020), Trobeir*s do século XXI (Ed. Chan da Pólvora, 2019), Dentes para a mazá (Ed. Chan da Pólvora, 2018) e Pluma, tinta y papel II (Ed. Diversidad literaria, 2013).
Branca Trigo é escritora e editora. Xunto a Alfredo Vázquez codirixe Edicións Malafera, editorial coa que publicou o poemario Coñecemento do Medo (2021), así como os fanzines Sagrado corazón de Бáба Ягá (2022), Ω (2023) e O ser e o nervio (2023). O libro Con do lore, viu a luz no ano 2022 coa editora Urutau. Creou xunto con Pablo Rodríguez a peza sobre poesía e videoxogo Poetry Sniping: Simulacro, e realiza con Ramón Trigo intervencións que fan converxer a poesía e a pintura en vivo. En 2024 saíu do prelo o seu terceiro poemario, trans0, un híbrido entre poemario, traballo académico, e outras modalidades textuais co que defende a poesía como transxénero literario partindo de textos des principais pensadores da teoría queer.
A súa obra aparece en revistas e publicacións colectivas como Alguén nos lembrará (Ed. Xerais, 2023). Gañou certames de poesía coma o do Concello de Ames e o da Universidade de Vigo. Alén do papel, participou en diversos festivais e fai traballo de dinamización cultural organizando o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordinando obradoiros de poesía en centros de ensino e asociacións. Colabora na sección de literatura do xornal O Salto.
Bea Saiáns foi finalista do Certame de Poesía Florencio Delgado Gurriarán co poemario Sen menosprezar aos caniches (2019); accésit no Certame de Poesía Francisco Añón do Concello de Outes con Se tivera un pau e gasolina e unha amiga e un chisqueiro (2020) e no 2023 publicou Baliza, con Malafera Edicións. Ademais do anterior, é cineasta e fotógrafa e está especializada en Xénero e Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona. Impulsou a produtora CRU Producións, gañadora do premio á mellor iniciativa empresarial da Deputación de Pontevedra no 2022, selo baixo o que produciu proxectos como Delincuente e escribe e dirixe a serie Delirio Sketchs