Actualidade


Intervención de Jorge Carril no ciclo 'Aula aberta'
18 de maio de 2023, ás 19:30 h
AC Alexandre Bóveda (A Coruña)

A palestra ten por título 'No ronsel de Seoane: a recreación da Galicia medieval en Na brétema, Sant-Iago'.


Luís Seoane López (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979) é unha das figuras máis representativas e destacadas da cultura galega. Na súa inxente obra, dunha elevada calidade artística e literaria, mostrou unha verdadeira fascinación polo pasado medieval de Galicia. Nesta conferencia abordarase o medievalismo de Seoane, concretamente no seu segundo libro de poemas: Na brétema, Sant-Iago, unha obra que ocupa un lugar destacado na lírica galega do exilio americano e que representa moi ben o interese que sempre sentiu o polifacético creador pola Galicia medieval.

Jorge Carril Espido (A Coruña, 1999) é graduado en Galego-Portugués e graduado en Español pola Universidade da Coruña. Actualmente está cursando o Mestrado en Formación do Profesorado na Universidade de Santiago.

O evento terá lugar na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Santo André 36, 1º).