Actualidade
O Consello Asesor e de Selección de Contidos de Scopus (CSAB) aproba a indexación da Revista Galega de Filoloxía.
A incorporación da revista a Scopus formalizarase no próximo mes de xuño.
Scopus é a maior base de datos de citas e resumos de bibliografía revisada por pares e inclúe revistas científicas, libros e actas de conferencias. Scopus inclúe ferramentas intelixentes para facer un seguimento, analizar e visualizar a investigación e ofrece un exhaustivo resumo dos resultados da investigación mundial nos campos da ciencia, a tecnoloxía, a medicina, as ciencias sociais e as artes e humanidades.
A Revista Galega de Filoloxía comezou a súa andaina no ano 2000. Publica traballos de investigación orixinais e inéditos dedicados a algún aspecto filolóxico, especialmente os lingüísticos, do ámbito galego-portugués. A partir do seu número 23, correspondente ao ano 2022, acollerá tamén propostas vinculadas aos estudos literarios referidos ao mesmo ámbito cultural.
O prazo para a presentación de orixinais para o número 23 conclúe o día 1 de xuño.