Actualidade


Celebrado o encontro ‘Neofalantismo e calidade da lingua’
Novembro 2020
Facultade de Filoloxía (UDC)

A xornada despertou un grande interese no ámbito académico dos estudos galegos.


O evento, organizado polos profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xosé Manuel Sánchez Rei e a doutoranda María Fernández Zas en calidade de secretaria (membros do Grupo ILLA), abordou as relacións entre as persoas que se incorporan ao galego provenientes doutras linguas, nomeadamente do español, e a calidade lingüística das variedades que utilizan. A xornada foi avalada por un comité científico composto por profesorado da Universidade da Coruña, Lisboa, München, Porto, Santiago de Compostela e Vigo. 

O encontro contou coas intervencións de especialistas das universidades galegas e doutros ámbitos académicos, como Fernando Ramallo, Xosé Manuel Sánchez Rei, Vítor Vaqueiro e Deirdre Barry Murphy. Por razóns alleas á súa vontade, non puido participar Xosé Luís Regueira. 

O intercambio de opinións e os debates após as palestras caracterizaron o desenvolvemento xeral do encontro, que tivo unha boa asistencia de público, dentro das limitacións impostas pola actual situación sanitaria.

Na fotografía, Fernando Ramallo, presentado por Xosé Ramón Freixeiro Mato.