Actualidade


A Academia Galega de Teatro e o grupo ILLA impulsan o Observatorio do Teatro Galego
A Coruña

Unha addenda ao protocolo de colaboración entre a AGT e a UDC marca o nacemento deste organismo.


O Observatorio do Teatro Galego (OTG) nace da necesidade observada polo Grupo ILLA da UDC e a AGT de crear un espazo académico para a documentación e a investigación da actividade teatral galega, con vistas a servir de repositorio das súas testemuñas documentais. Asemade, o novo organismo pretende servir como espazo de reflexión académica rigorosa sobre os diferentes aspectos que atinxen a creación dramática.

O Observatorio estará coordinado polo profesor Carlos Biscainho e integrado por aqueles membros de ILLA que realizan estudos teatrais; por súa vez, a AGT fornecerá asesoramento e apoio documental. Entre os obxectivos do novo organismo destacan a recompilación da información e documentación relativa á actividade dramática galega, a celebración de encontros investigadores sobre a actividade teatral na Galiza e os intercambios con outras tradicións dramáticas, ou o estabelecemento de sinerxias coa Biblioteca Arquivo-Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña, a ESAD-Galicia, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o Centro Dramático Galego e todas aquelas institucións ou colectivos que estiveren dispostos a colaborar co OTG.