Actualidade


A Academia Galega de Teatro e a Universidade da Coruña asinan un protocolo de colaboración
20 de maio de 2021
A Coruña

Este protocolo formaliza un acordo entre a AGT e a UDC, o cal dá cobertura ás actividades conxuntas entre a institución e o grupo ILLA.


O documento asinado recolle a previsión de diversas actividades científicas por parte de ambas as entidades e fornece un cadro común de actuación para concretizar futuras vías de colaboración. O convenio ten unha duración de catro anos, a máxima permitida pola Universidade da Coruña, e poderá ser renovado por iniciativa de calquera das partes.

A Academia Galega de Teatro, nacida en 2017, ten entre os seus obxectivos fomentar o desenvolvemento das artes e as ciencias relacionadas co teatro, recoñecendo e divulgando a profesionalidade e excelencia artística das súas xentes para estimular na sociedade galega o valor fundamental do teatro. A institución visa tender pontes entre as diversas visións do teatro galego para enriquecer o seu patrimonio, organizando conferencias, seminarios e congresos de contido artístico, científico, político ou sociocultural. Asemade, a AGT pretende difundir o seu traballo na sociedade e ante Administración Pública, propiciar intercambios interculturais e internacionais, crear servizos dedicados ao estudo e investigación da interacción entre o Teatro e as novas tecnoloxías e calquera outra actividade tendente a elevar o nivel artístico, técnico e científico dos distintos oficios teatrais.