Actualidade


Publicación da obra completa de Manuel Lourenzo, figura central do teatro galego
Xuño 2022

Cilha Lourenço Módia, membro de ILLA, é a editora literaria.


A Federación Galiza Cultura edita o teatro completo de Manuel Lourenzo en 7 volumes de aproximadamente 700 páxinas cada un. Son por volta de 300 pezas escritas entre 1960 e 2022, moitas delas inéditas. Os volumes foron ordenados e corrixidos polo autor e a responsabilidade da edición recaeu en Cilha Lourenço Módia, membro de ILLA.

O primeiro volume conta cun prólogo de Pilar García Negro, profesora honoraria de ILLA, intitulado "Exercicio de sinonimia: Manuel Lourenzo = Teatro Galego" e cun breve texto do propio dramaturgo, "Brizos na pucharca". 

Neste momento están xa publicados os catro primeiros volumes, o quinto xa está no prelo e está previsto que os dous últimos aparezan neste ano 2022.

Os volumes inclúen información da data de escrita e/ou da publicación de cada peza dramática, así como dos eventuais premios recibidos. Nas obras que foron representadas recóllese a data da estrea, o nome do grupo que a representou por primeira vez e o do/da director/a do espectáculo. 

Congratulámonos desta publicación e enviamos os nosos parabéns a autor e editora.