Actualidade


Pilar García Negro presenta 'Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán'
8 de xullo de 2021
Asociación Cultural Alexandre Bóveda

O último ensaio da profesora honoraria de ILLA versa sobre o posicionamento político, a actitude cara ao feminismo e a visión da literatura e a lingua galegas que sostiña a escritora coruñesa.


No centenario da morte de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921), escritora plenamente integrada na literatura española de fins do século XIX e comezo do XX, Pilar García Negro examina o feminismo da autora, a súa actitude ante a lingua e literatura galegas ou o trato que dispensou a Rosalía de Castro. Tamén analiza o xeito en que a autora coruñesa exercía de galega e a imaxe que proxectaba do país e, por último, o seu posicionamento ideolóxico ou político. En todos estes asuntos, García Negro deixa falar a propia Pardo Bazán, quen se retrata a través da súas obras ou declaracións.

A presentación do libro, o xoves 8 de xullo ás 19:30, será acollida pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e terá lugar diante da estatua de Curros Enríquez na Coruña. Acompañarán a autora Manuel Fernández Blanco e Henrique Alvarellos. Para reservar a asistencia ao evento é preciso contactar coa asociación.

Máis información sobre a obra na páxina web da editora.