Actualidade


Laura Tato recibirá o Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas
Xullo de 2021
Adro de Santo Domingo, Ribadavia

A catedrática recollerá este galardón, xunto con Manuel J. Vieites, como recoñecemento á súa traxectoria académica no campo da historiografía teatral galega.


A estrea oficial da 37 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia terá lugar o venres 16 de xullo ás 20:30 h; como clausura ao evento inaugural, será entregado o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas. Esta edición recoñecerá o labor de Laura Tato Fontaíña, catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña e membro de ILLA, e do actual director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Manuel J. Vieites. O premio élles concedido en virtude do seu esforzo por construíren e alimentaren unha estrutura de prestixio para a historia do teatro galego.

A profesora Tato conta cunha dilatada carreira investigadora en diversas áreas, mais ten dedicado unha parte fundamental do seu traballo aos estudos teatrais. Neste sentido, destacan obras como Teatro e Nacionalismo. Ferrol 1915-1936 (1995), merecedor do IV Premio de Investigación Lingüística e Literaria "Ricardo Carvalho Calero" ou Do teatro ao cinema. Obras dramáticas e guións de Ramón Otero Pedrayo (2014), galardoada co XVIII Premio “Vicente Risco” de Ciencias  Sociais. Tato é tamén autora de monografías como Historia do teatro galego. Das orixes a 1936 (1999); Teatro galego 1915-1936 (1997) ou Roberto Vidal Bolaño: unha vida para o teatro (2013); de varias edicións como Luís Manteiga: Teatro galego (2003) e de artigos como "Os vellos non deben de namorarse, de Castelao: xestación e recepción", en  Madrygal,  Revista de Estudios Gallegos (2019).

Desde o grupo ILLA queremos expresar os nosos sinceros parabéns á profesora Tato por este merecido recoñecemento.