Actualidade


Pasamento do profesor Basilio Losada
Xullo de 2022

Con fondo pesar, o grupo ILLA súmase ás numerosas mostras de condolencia expresadas nos últimos días por destacadas personalidades e colectivos do mundo cultural e académico.


Basilio Losada Castro, Catedrático xubilado de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona, faleceu o pasado día 9 de xullo.

Referente na divulgación da literatura e da cultura galegas a través do seu maxisterio nas aulas, do seu traballo académico e do seu labor de tradutor, Basilio Losada desempeñou un papel principal na proxección da poesía galega contemporánea a través das súas edicións bilingües Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990). 

As súas traducións de Jorge Amado ou de José Saramago –a de Memorial do Convento foi Premio Nacional de Traducción– foron responsábeis da difusión destes autores nos países de lingua española. O seu contributo á proxección de todas as literaturas de lingua portuguesa foi esencial: Rubem Fonseca, Clarice Lispector, José Cardoso Pires, José Eduardo Agualusa ou Machado de Assis falaron español por obra de Basilio Losada, cuxo inxente labor tradutor comprende perto de dous centos de obras e puxo en diálogo varias linguas. 

A faceta de mediador entre culturas de Basilio Losada foi recoñecida con relevantes galardóns como a Cruz de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, outorgada polo goberno portugués ou a Ordem do Cruzeiro do Sul concedida pola presidencia da república do Brasil. Na Galiza, foi distinguido co Pedrón de Honra, a Medalla Castelao e a Medalla de Galiza. 

No final do século XX publicou a súa primeira novela, La peregrina (1999), con prólogo de José Saramago, unha narración de ambientación medieval baseada nun dos milagres das Cantigas de Santa María de Afonso X.

O labor docente do prof. Losada estendeuse por universidades de todo o mundo, contribuíndo de forma notábel ao coñecemento global das literaturas galega, portuguesa e brasileira. A esta dimensión internacionalizadora da cultura galega hai que sumar a desenvolvida a través da presidencia da Asociación Internacional de Estudos Galegos entre 2003 e 2006.

En 2015 ingresou como académico de honra na RAG co discurso Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro, voltando de novo o ollar á autora a que dedicara a súa tese de doutoramento.

Home cordial, posuidor de múltiplas sabedorías e dotado dunha oratoria poderosa e evocadora, co seu pasamento os membros de ILLA perden un referente académico e un amigo xeneroso.

Que a terra lle sexa leve.