Actualidade


'Mestre Zé Luís', homenaxe ao profesor José Luís Rodriguez
Xullo 2022

Membros de ILLA participan no vídeo tributo ao profesor da USC.


Co título de ‘Mestre Zé Luis’ está dispoñíbel na plataforma YouTube o vídeo en homenaxe a José Luís Rodriguez, Catedrático xubilado de Filoloxías Galega e Portuguesa na universidade compostelá, promovido polos e polas docentes da área de Portugués desa institución, Carlos Quiroga, Carmen Villarino, Elias Feijó Torres, Felisa Rodriguez Prado, Isabel Morám, José António Souto e José Luís Forneiro.

A gravación constitúe un emotivo percurso pola traxectoria académica do prof. Rodriguez que dá testemuño da profunda pegada que a súa personalidade, o seu maxisterio docente e os seus contributos científicos deixaron en varias xeracións de estudantes e colegas universitarios. 

Referencia inescusábel nos estudos medievais galego-portugueses, con obras imprescindíbeis como a súa edición do cancioneiro de Joan Airas, contribuíu de forma igualmente relevante ao estudo da historia da lingua e ao das relacións entre Galiza e a lusofonía. 

ILLA está presente neste recoñecemento nas voces e nos rostros de Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro, Teresa López e Xosé Manuel Sánchez Rei, que recollen o testemuño de admiración e a profunda débeda intelectual que os membros de ILLA temos co mestre lucense radicado en Compostela. No vídeo, que convidamos cordialmente a ver, participa profesorado de universidades españolas, portuguesas e brasileiras, ben como unha mostra representativa do seu alumnado en décadas de docencia nas aulas universitarias.

Parabéns ao noso admirado profesor e benquerido amigo.