Actualidade
A xornada despertou un grande interese no ámbito académico dos estudos galegos.
O evento, organizado polos profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xosé Manuel Sánchez Rei e a doutoranda María Fernández Zas en calidade de secretaria (membros do Grupo ILLA), abordou as relacións entre as persoas que se incorporan ao galego provenientes doutras linguas, nomeadamente do español, e a calidade lingüística das variedades que utilizan. A xornada foi avalada por un comité científico composto por profesorado da Universidade da Coruña, Lisboa, München, Porto, Santiago de Compostela e Vigo.
O encontro contou coas intervencións de especialistas das universidades galegas e doutros ámbitos académicos, como Fernando Ramallo, Xosé Manuel Sánchez Rei, Vítor Vaqueiro e Deirdre Barry Murphy. Por razóns alleas á súa vontade, non puido participar Xosé Luís Regueira.
O intercambio de opinións e os debates de despois das palestras caracterizaron o desenvolvemento xeral do encontro que tivo unha boa asistencia de público, dentro das limitacións impostas pola actual situación sanitaria.
Na fotografía, Fernando Ramallo, presentado por Xosé Ramón Freixeiro Mato.