Publicacións


Sobre historiografía gramatical e codificación lingüística (1955-1971). O Epítome de gramática galega e outros textos

Autoría

Freixeiro Mato, Xosé Ramón

Liñas de investigación

Sociolingüística e planificación da lingua galega

ISBN

978-84-9749-671-1

Editorial

Universidade da Coruña

Data de publicación

2017

Número de páxinas

234

Descrición


Na parte inicial deste volume analízanse as iniciativas e propostas xurdidas no período de 1955 a 1971 sobre a elaboración dunha gramática do galego e sobre a codificación deste idioma desde o ámbito da Academia Galega. No segundo capítulo edítase unha síntese gramatical do galego, da autoría de Leandro Carré Alvarellos, que fora proposta á RAG polo autor e que ficaba inédita; e nos capítulos tres e catro achégase documentación diversa, fundamentalmente correspondencia dos principais axentes implicados no proceso, sobre todas as iniciativas realtivas á elaboración do idioma galego nesa altura.

Máis de medio século despois da súa fundación a RAG non fora capaz de elaborar unha gramática do galego e, cando en 1960 Sebastián Martínez-Risco accede á presidencia, proponse impulsar aquel obxectivo fundacional, que finalmente non frutificará. No entanto, na década de 60 elaboráronse gramáticas de autoría individual, en concreto a de Carvalho Calero e a de Leandro Carré Alvarellos, o primeiro apoiado polo grupo de Galaxia que controlaba a Academia e o segundo practicamente desde a soidade institucional. Carré aínda vai elaborar un Epítome de gramática galega en 1969 coa intención de que a RAG asumise as súas propostas codificadoras. E será no inicio da década seguinte cando a Academia consiga publicar unhas limitadas normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971) feitas e aprobadas con certa urxencia perante a perspectiva de o galego se incorporar timidamente ao sistema educativo.

Entre a documentación inédita que se dá a coñecer inclúese o texto íntegro dun Epítome de gramática galega (capítulo II) que figura no arquivo particular de Martínez-Risco e que, con certeza, é da autoría de Leandro Carré Alvarellos, embora non conste o seu nome no orixinal. Inclúese igualmente outra documentación relativa á codificación do galego na altura, nomeadamente toda a correspondencia sobre o tema existente neste mesmo arquivo particular e algunha da depositada na Academia, pois toda non foi posíbel polas dificultades materiais para a súa reprodución total, aínda que parcialmente se citen na parte introdutoria deste traballo. E tamén se reproducen outros documentos relativos á gramática, ás normas académicas e a outras iniciativas sobre a codificación do idioma na altura, indicando en cada caso a súa procedencia e incluídos como documentos anexos a algunha das cartas reproducidas no capítulo III (informe de Ramón Piñeiro, propostas de Leandro Carré, primeira redacción das normas académicas de unificación morfolóxica etc.) ou no capítulo IV de "Outros textos" (moción de Banet Fontenla, artigos de Manuel Rabanal, actas das reunións dun seminario celebrado en Vigo etc.), segundo os casos.