Persoal investigador integrado


Ánxela Lema París

Ánxela Lema París é Graduada en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios (2013) pola Universidade da Coruña. No ano 2020 obtivo o título de Doutora en Estudos literarios e de xénero, con mención internacional e cum laude, coa tese titulada Deconstruír o erotismo poético desde as non-monogamias. Estudo e relectura da poesía erótica galega e da súa recepción crítica na primeira década do século XXI, dirixida por Carme Fernández Pérez-Sanjulián e Marta Segarra (Universidade da Coruña/Université Paris 8 Vincenntes Saint Denis). Realizou, ademais, estudos de posgrao como o Mestrado Universitario en Literatura, Cultura e Diversidade (2014), o Mestrado en Teoria da Literatura e Literaturas Lusófonas (2015) e o Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanza de idiomas (2021).


Foi leitora de lingua, literatura e cultura galegas e profesora temporal da Université Sorbonne-Nouvelle Paris 3 (2015-2018); leitora de español no Institut Universitaire de Technologie d'Amiens-Université de Picardie Jules Verne (Amiens, France/2017-2018); investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (2018-2020); e investigadora posdoutoral Margarita Salas (2022-2024). Na actualidade é Profesora Interina de Substitución no Departamento de Letras da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.


A súa actividade investigadora céntrase nos Estudos de xénero, da sexualidade e literarios cuestións sobre as que publicou artigos en revistas como Abriu, 452ºF ou Itinerarios e coordinou e participou en diversos libros colectivos. Nesta liña, destaca o monográfico que editou xunto a Danny Barreto (Universidade Colgate) para a revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies "Dende a outra beirarrúa: culturas e estudos cuir en Galicia", unha das primeiras achegas académicas a uns estudos queer galegos, ou o ensaio que coordinou xunto a Andrea Nunes, O cento voando. Amores, alianzas e non-monogamias (Xerais, 2023), polo que foron galardoadas co Premio Follas Novas (2024).


Impartiu conferencias e comunicacións en múltiplos encontros científicos e divulgativos, alén de integrar a organización de eventos científicos tales como Saberes en alianza: desafíos nos estudos de xénero e das sexualidades (2025) ou Destruír raias, construír pontes: estudos queer na Galiza e Portugal (2025), un evento pioneiro que buscou conectar as voces investigadoras que traballan no ámbito dos estudos queer a ambos os dous lados da fronteira.

  • Publicacións
  • Teses