Persoal investigador colaborador


Luz Varela Armas

Luz Varela Armas  (Antas de Ulla, 1987) é Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (2005/2010) e realizou o Mestrado Universitario en Profesorado de ESO e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas na Universidade da Coruña (2010/2011). O 26 de setembro de 2017 obtivo o título de doutora (coa cualificación de sobresaliente Cum Laude) coa tese As TIC e a normalización lingüística na sociedade galega actual. Unha aproximación á súa realidade educativa, dirixida pola profesora Goretti Sanmartín Rei (Programa Oficial de Doutoramento en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués da Universidade da Coruña).


Participou como investigadora contratada no proxecto Construcións verbais e sintaxe da oración (01/06/2011 - 15/05/2012), desenvolvido polo Seminario de Gramática da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Tamén foi profesora da XXIV edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para persoas estranxeiras e españolas de fóra de Galicia (04/07/2012 - 29/07/2012), organizados polo Instituto da Lingua Galega coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Desde o 16 de maio de 2012 até o 15 de abril de 2013 foi contratada predoutoral da Universidade da Coruña, e desde o 16 de abril de 2013 até o 5 de setembro de 2015 foi contratada predoutoral do Plan I2C da Xunta de Galicia. Entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2014 realizou unha estadía de investigación predoutoral na Te Whare Wānanga o Waikato / University of Waikato en Kirikiriroa / Hamilton (Aotearoa / New Zealand) baixo a supervisión da profesora Laura López-Fernández.

Desde o 11 de setembro até o 15 de novembro de 2015 colaborou como contratada no proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. II. Cantigas de escarnho e de maldizer (ref. FFI2012-32801), dirixido por Manuel Ferreiro.

Entre o 23 de novembro de 2015 e o 15 de outubro de 2016 colaborou como bolseira no proxecto BILEGA (Bibliografía Informatizada da Lingua Galega), dirixido por Francisco García Gondar no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).

Entre o 17 de outubro de 2016 e o 15 de maio de 2017 traballou como técnica de Normalización Lingüística no Concello da Estrada.

Entre o 16 de maio e o 15 de agosto de 2017 traballou como técnica de apoio á investigación no proxecto Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa III (FFI2015-63523-P), dirixido por Manuel Ferreiro. Na actualidade segue a ser colaboradora deste proxecto.

Desde o 15 de setembro de 2017 é profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario.

  • Publicacións
  • Teses
  • Outros méritos