Tese de doutoramento


As viaxes pola nosa terra e as razóns da súa escrita no primeiro terzo do século XX


Autoría

Alberte Allegue Leira
Data de Lectura

25-marzo-2011
Facultade

Facultade de Filoloxía
Universidade

Universidade da Coruña
Departamento

Galego-Portugués, Francés e Lingüística
Cualificación

Sobresaliente Cum Laude
Descrición

O traballo procura explicar cinco razóns que axudan a entender a escrita, en galego, de relatos de viaxes por Galiza durante o primeiro terzo do século XX. En primeiro lugar, estudamos a relación coa política, xa que estes textos parecen formar parte dunha estratexia dos autores galeguistas para desenvolveren, baixo a censura, un discurso identitario que enfrontase un españolismo cada vez máis exacerbado. A seguir, examinamos o vínculo destes textos co mercado; constatamos como lingua e ideoloxía conformaban unha barreira infranqueábel para os galeguistas, autores que desatenderon as oportunidades do mercado pola súa vontade de crear un público. Despois, para mellor comprender o novidoso cultivo na nosa lingua deste subxénero literario relacionámolo con outros discursos presentes no "contraespazo público" galego que se consolidaba naquela altura, e identificámola como unha importación literaria que respostaba aos ataques sufridos polo galeguismo. En cuarto lugar, exploramos as conexións que tales relatos tiveron co turismo, actividade que viviu un gran desenvolvemento nestas décadas; os relatos de viaxes en galego buscaron unha relación coa terra sensibelmente diferente da experimentada polos turistas. Por último, ocupa a nosa análise a etnografía, unha nova disciplina que presenta moitas coincidencias cos relatos de viaxes.