CATÁLOGO DE NOVELA HISTÓRICA GALEGA
Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza



Presentación
Catálogo
                 .por autor

                 .por obra (alfabético)

                 .por obra (cronolóxico)
Estudos
Bibliografía
                 .criterios de organización

                 .listaxe bibliográfica
Membros do proxecto
Agradecementos





CRITERIOS DE ORGANIZACIÓN

Os criterios utilizados para a selección e organización desta bibliografía obedecen á idea de fornecer á persoa interesada no estudo da novela histórica unhas referencias bibliográficas que lle permitan, se así for o caso, unha aproximación xeral ao xénero e ás obras que responden ao obxectivo deste proxecto. 

A revisión da bibliografía crítica sobre narrativa histórica galega non quixo ser exhaustiva mais si completa pois, para alén de incluírmos todos aqueles estudos monográficos sobre as obras obxecto de estudo, fixéronse baleirados de revistas como Grial, Anuario de Estudos Galegos, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro... e da maior parte de libros colectivos, homenaxes, actas de congresos, xornadas e simposios, así como de números especiais onde se puidesen achar referencias bibliográficas ás obras e/ou autores en cuestión. 

Polo que se refire á organización en sentido estrito queremos indicar o seguinte: 

O primeiro apartado recolle a bibliografía específica sobre as novelas históricas incluídas no catálogo, desde os inicios do xénero até 1980. 

No apartado segundo, concibido como un complemento do anterior, recóllese a bibliografía referida ao conxunto da obra narrativa dos autores do catálogo. Deste xeito, inclúense aquí artigos que, por se centraren na análise de algún ou algúns aspectos da narrativa do autor, poden ter utilidade para o achegamento crítico ás obras estudadas. 

O apartado terceiro, que se corresponde coa parte máis aberta deste catálogo, recolle referencias bibliográficas sobre a narrativa histórica galega publicada con posterioridade a 1980, a baliza cronolóxica que nós escollemos para delimitar o traballo que aquí presentamos. 

As razóns desta escolla son, entre outras, que algúns dos autores que van publicar a partir desa data cultivaron, tamén, a ficción histórica previamente e, por tanto, as achegas sobre obras aparecidas despois de 1980 iluminan aspectos das súas obras anteriores. Neste sentido, xulgamos que podía resultar de interese ver como, ademais, se vai configurando un discurso crítico arredor da ficción histórica que este catálogo contribúe a mostrar na súa riqueza e nas súas contradicións. 

O apartado cuarto correspóndese co que poderíamos chamar unha bibliografía de tipo xeral (sobre narrativa galega, literatura e historia cultural), un tipo de bibliografía máis abranxente que serve non só para o estudo do romance histórico como para outras cuestións conexas que teñen a ver coa formulación do discurso identitario ou a constitución dun espazo público nacional.

Finalmente, os apartados quinto e sexto recollen historias da literatura, dicionarios, estudos de conxunto sobre a narrativa galega, etc., pois aínda que sabemos que calquera estudoso da literatura galega coñece esas referencias, achamos que non é superfluo a súa recolla nun traballo destas características.

Francisco Salinas Portugal


            Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
                  
     Contacto: novelahistgal@yahoo.es      © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                            Deseño e realización técnica: Laura Mariño, 2011