Actualidade
No curso 2016-2017 a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña ofertará o mestrado universitario en Literatura, Cultura e Diversidade, na modalidade de semipresencial, a tempo completo ou parcial.
O mestrado universitario en Literatura, Cultura e Diversidade está organizado en dous cuadrimestres: no primeiro cúrsanse as materias dos módulos comúns, e no segundo, as do módulo específico. No mestrado participa profesorado da área de Filoloxías Galega e Portuguesa, e as materias da especialización no ámbito galego-portugués contarán tamén coa presenza en seminarios específicos de profesorado externo á UDC, como Justo Beramendi, Antón Figueroa, Francisco Rodríguez, Paula Guerra, Alva Martínez, Meri Torras e Ana Romaní.
Estes estudos son especialmente útiles para renovar metodoloxías, actualizar coñecementos e pór ao día todo o relacionado coa literatura en xeral, e coa nosa literatura, en particular, para alén de, coa súa realización, poder eventualmente afrontar a confección dunha tese de doutoramento.
Impartirase en modalidade semipresencial e as sesións serán en horario de tarde dous día á semana, xoves e venres. A matrícula pode realizarse como estudante a tempo completo ou a tempo parcial.
Para poder cursar o mestrado é necesario realizar preinscrición no enderezo https://matricula.udc.es/preinsMaster/identif.asp. O primeiro prazo vai de 23 de xuño a 13 de xullo. Logo da preinscrición as persoas admitidas poderán realizar a matrícula.
Máis información en: http://www.udc.es/filo/mestrados/MLCD/.
As consultas poden ser dirixidas á coordinadora do mestrado, a profesora Nieves Pena (npena@udc.es).
Plano de estudos
1.º CUADRIMESTRE
Módulos comúns
Teoría e crítica nos estudos literarios e culturais (9 créditos)
- Teoría e crítica nos estudos literarios
- Novos enfoques nos estudos literarios e culturais
- Literatura, cultura e sociedade
Tecnoloxías e métodos para os estudos literarios e culturais (9 créditos)
- Métodos e técnicas para a elaboración e presentación de traballos de investigación
- Estudos do libro e edición
- Recursos para a investigación da literatura
Literatura, cultura e arte (9 créditos)
2.º CUADRIMESTRE
Módulos específicos
Literatura e cultura no ámbito hispánico (21 créditos)
- Tradicións literarias e culturais
- Literatura e xénero
- A literatura e o seu entorno sociocultural
- A recepción da literatura
- Literatura e outras linguaxes artísticas
- Vangardas e literatura
- Tendencias da literatura actual
Literatura e cultura no ámbito galego-portugués (21 créditos)
- Actualizacións das tradicións literarias e culturais
- Literatura e xénero
- Literatura, memoria e historia
- Relacións literarias e culturais no espazo lingüístico galego-portugués
- Literatura, cultura e identidade
- Relacións interartes
- Discursos críticos e procesos de canonización
Traballo fin de mestrado (12 créditos)