Actualidade


Protocolo internacional de garantía de dereitos lingüísticos
24 de maio de 2016
Santiago de Compostela

A profesora Pilar García Negro, membro do Grupo ILLA, participa na presentación do Protocolo internacional de garantía de dereitos lingüísticos, que terá lugar hoxe en Santiago de Compostela.


Este martes, 24 de maio, ás 17:30 h, celebrarase na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o acto de presentación en Galicia do Protocolo internacional de garantía de dereitos lingüísticos, que contará coa presenza de Paul Bilbao (representante de Kontseilua), Pilar García Negro (integrante do Grupo ILLA da Universidade da Coruña e membro do comité científico internacional), María do Carme Silva (vicerreitora de servizos da USC) e Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística). O acto, aberto ao público, está especialmente dirixido ás entidades sociais, para que coñezan o proxecto e poidan achegar as súas propostas.

 

O protocolo é un documento que parte da Declaración Universal de Dereitos Lingüísiticos e avoga pola igualdade entre as diferentes linguas e polo desenvolvemento das que están en situación de desvantaxe. Este documento será elaborado grazas ás contribucións dos axentes sociais e ás recomendacións dun Comité Científico. O texto do Protocolo definirá as condicións mínimas necesarias para garantir os dereitos lingüísticos do conxunto da cidadanía. As conclusións do proceso de elaboración serán presentadas en Donostia no mes de decembro de 2016, no marco da Capitalidade Europea da Cultura.

 

Máis información:

http://dss2016.eu/eu/

http://www.amesa.gal/22153/