Cabalgadas en Salnés
Fermín Bouza Brey

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


A acción arrinca cando o fidalgo da Pantrigueira está a piques de partir do seu pazo, posto que acaba de recibir unha nota de Florenza, a filla da taberneira de Fiolledo coa que mantén unha relación amorosa, aínda que sabe que ela ten máis amantes. Lida a petición de auxilio, o Fidalgo parte cara ao pazo de don Amador, o Oidor da Real Audenza de Galiza onde Florenza di estar en apuros. O Fidalgo ve partir o arrieiro de Fiolledo e bérralle pola fiestra para saber se leva o seu mesmo camiño. Este dille que non, que ten uns asuntos que atender en Soutomil. O Fidalgo decide marchar igualmente e parte de xeito apresurado para que lle dea tempo de coller a barca de Resende.

De camiño ao embarcadoiro o Fidalgo vai contando a lenda de Castro-Garnido onde habita unha moza loura que canta melancólicas cancións. Un antepasado do Fidalgo marchou á guerra e foi apreixado polos mouros. Un dos mouros preguntoulle se non había algún castro preto da súa casa e cando el llo confirmou deulle un anel dicíndolle que se o enterraba nel conseguiría un tesouro, mais que tivese tino posto que o anel non debía tinguirse de sangue. Un soldado envexoso matou o capitán que levaba o anel e o feitizo executouse.

O Fidalgo chega a Resende e peta na porta do muiñeiro que o informa de que xa partiu a última barca para Fiolledo e do recente paso do arrieiro. O Fidalgo descobre así o engano deste e intúe que comparten Iñobre e o pazo de don Amador como destino común. O arrieiro leva unha carta para o Oidor e o Fidalgo cre que é de Florenza xa que sospeita que está a manter paralelamente unha relación co Oidor.

O Fidalgo chega á Ponte das Partidas e debaixo dela ve a varias persoas, entre elas, o arrieiro. Proseguen o camiño xuntos, aínda que o arrieiro está completamente bébedo e a penas se ten sobre o cabalo. Este acaba por confirmar a sospeita do Fidalgo sobre a outra carta de Florenza.

Detéñense para facer noite e o Fidalgo rexistra o arrieiro e a súa cabalgadura na procura da carta, está completamente desesperado por non dar con ela cando aparecen os homes de Xan Quinto.

Os bandoleiros pretendían tamén roubar a carta, o primeiro paso do seu plan fora embebedar o arrieiro debaixo da ponte. Os dous homes son conducidos ao campamento de Xan Quinto, polo camiño un dos bandoleiros vai informando o Fidalgo da situación: Xan Quinto é mozo de Marta, unha rapaza orfa, caseira do Oidor e hai un ano que non a ve. Sobre o paradoiro da moza hai diferentes teorías, mais polas cartas que foron interceptando pensan que ela está presa no soto do Oidor e a piques de ter un fillo froito das relacións ás que este a forza. O plan de don Amador é desfacerse dela asasinándoa e enterrándoa nas terras da Pantrigueira para inculpar o Fidalgo coa colaboración dun seu xornaleiro; de aí a nota que Florenza lle enviou urxíndoo a saír da casa.

O Fidalgo está disposto a unirse a Xan Quinto para axudalo a salvar a muller. Ambos trazan un plan consistente en que o Fidalgo parta cara a Iñobre, e pase alí o día co suposto obxectivo de mercarlle un piñeiral a don Amador. Mentres estea no pazo debe descubrir onde reteñen a moza e tratar de facer noite alí para abrirlle a porta a Xan e os seus homes.

De camiño para o pazo do Oidor, o fidalgo séntese culpábel pola infidelidade a Inesa, a súa muller. O arrieiro, completamente durmido aínda, é abandonado no campo polos homes de Xan Quinto.

Unha vez instalado no pazo e acordada a súa visita ao piñeiral ao día seguinte, o Fidalgo dedícase a buscar o soto onde está retida a moza. Bieito, criado do Oidor, vixía os pasos do Fidalgo, este encárase con el e obrígao mediante golpes e ameazas a contar o que saiba. O criado confesa que Marta está nun soto ao que só accede a través do cuarto de don Amador.

De súpeto o arrieiro aparece na porta do pazo, o Fidalgo subórnao para que lle comunique a don Amador que o cura de Fiolledo o convida a cear. O Oidor parte a cabalo e o Fidalgo dá aviso a Xan Quinto para que entre no pazo. Rexistra o cuarto do Oidor e atopa a moza. Nese intre aparece don Amador no alto da trapela cun coitelo na man. O Fidalgo enfróntase a el e, grazas a unhas pistolas, consegue que o deixe saír coa muller. Irrompe Xan Quinto e todo se precipita. Marta foxe avergonzada do seu estado, o Fidalgo sae correndo detrás dela mais tropeza na porta do pazo co corpo de Bieito, asasinado por Xan. Mentres tanto o bandoleiro degola a don Amador. Dous días despois a moza aparece morta río arriba.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño