¡A Besta!
Xan de Masma

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

¡A Besta! localízase cronoloxicamente entre o mes de maio de 1869 e o ano 1877 (aproximadamente, pois nunca se concreta a data en que remata a historia). Así, a novela vaise situar de maneira inmediatamente posterior á revolución liberal de 1868 e durante un acontecemento, tan crucial para a historia da novela, como é a terceira das guerras carlistas (1872-1876).


Personaxes:

As personaxes principais nesta historia son Pepiña e Pedro, os protagonistas da historia amorosa, mais cómpre destacar a presenza de numerosas personaxes secundarias: don Policarpio, don Felis, Xan, Ramona ou o cura Osorio.
A pesar de que non aparece ningunha personaxe histórica entre as que protagonizan a novela, si se mencionan nomes como os de Don Carlos, Sabela II, Zumalacárregui, o papa León XIII ou personalidades galegas da época como Manuel Murguía ou Alfredo Brañas (dos que se citan parágrafos das súas obras).


Acontecementos históricos:

A novela sitúase entre os anos 1869 e 1877, polo que son numerosos os feitos históricos que se mencionan.
A novela comeza inmediatamente despois dos acontecementos revolucionarios de 1868, que serán mencionados en numerosas ocasións, aínda que os dous acontecementos históricos con maior peso na novela son o bipartidismo e a terceira guerra carlista.
Ligados ás loitas entre liberais e absolutistas aparecen feitos como o caciquismo, as eleccións fraudulentas, a corrupción, o servizo militar, a emigración, os trabucos abusivos ou a guerra de Cuba (que ocupará un espazo importante na segunda parte da novela, cando Xan é obrigado a participar nela).
Canto á terceira guerra carlista, será moi importante na segunda parte da novela, en que se pode observar un diario de guerra escrito por Pedro (xa que o rapaz participará na contenda do lado dos seguidores de don Carlos).


Tema:

Podemos considerar ¡A Besta! unha novela sentimental cun transfundo ideolóxico e social.


Narrador:

Neste apartado debemos diferenciar dous tipos de narradores claramente marcados. Por un lado temos un narrador subxectivo en terceira persoa, que narra os feitos e que intervén no discurso narrativo, emitindo xuízos de valor e deixando clara a súa opinión sobres as personaxes en numerosas ocasións e, ás veces, de maneira moi brusca (como acontece nas descricións de don Policarpio).Por outro lado, temos un narrador protagonista en primeira persoa, que aparece entre as páxinas 243 e 270, onde se recolle o diario de loita de Pedro. Nestas páxinas, relátase en primeira persoa a viaxe a Cuba e a participación na guerra carlista.


Espazo narrativo:

No que fai referencia aos espazos narrativos, na primeira parte a novela localízase na comarca mindoniense do Cadramón, onde reside a familia de Pepiña, e que aparece de novo como espazo central ao final da novela e que será o lugar escollido pola voz narrativa para situar o proxecto da granxa-modelo.Outros espazos de suma importancia son Cuba, a onde é desterrado Pedro e a onde Xan é enviado para loitar na guerra; o norte da península Ibérica e o sur de Francia, por onde viaxa Pedro para chegar ao campo de loita carlista e na procura de compañeiros da súa causa; ou o País Vasco, onde se vai desenvolver a terceira carlistada.


Estrutura narrativa:

Trátase dun relato lineal con continuas prolepses. Por exemplo, no momento en que narra os momentos que Pedro viviu na guerra ou cando Xan lembra a súa estadía en Cuba.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño