Anxélica
Florencio Vaamonde

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A novela comeza con algunhas referencias imprecisas á infancia de don Fernando e Xuan de Vilardefrancos. Hai unha elipse temporal que desemboca xa na mocidade de Anxélica, filla de don Fernando. A trama amorosa entre Anxélica e Estebo dura aproximadamente tres anos mais este tempo non se concreta con exactitude.


Personaxes:

O personaxe principal é Anxélica, moza educada na cidade que debe afacerse á vida no rural. Estebo, o mordomo, tamén xoga un papel importante ao conformaren a parella protagonista da trama sentimental. Os personaxes secundarios son don Fernando e Xuan de Vilardefrancos. Ningún deles é histórico, aínda que a novela salienta polo gran número de referencias puntuais a personaxes históricos que emprega para ambientar o núcleo de relacións sociais de don Fernando e Anxélica en París.


Acontecementos históricos:

Non hai un acontecemento histórico que sexa central na novela, aínda que si son mencionados varios feitos puntuais como as guerras napoleónicas (en relación ás campañas militares en que participa Xuan de Vilardefrancos) ou a primeira guerra carlista (con respecto a Estebo e o medo que Anxélica ten de que este sexa capturado polos carlistas).


Tema:

Trama amorosa entre Anxélica, moza de boa familia, e o seu criado Estebo, de orixe humilde.


Narrador:

Heterodiexético e omnisciente en terceira persoa.


Espazo narrativo:

Pártese da casa grande de Silvoso para despois centrar o desenvolvemento espacial en París. Esta ambientación é aproveitada para describir o tipo de vida que don Fernando e Anxélica levaban alí e caracterizar os personaxes. A maior parte da trama desenvólvese en Ouces (A Coruña) e novamente na casa de Silvoso á que retornan Anxélica e o seu pai e que domina por completo os espazos interiores.


Estrutura narrativa:

A estrutura narrativa é lineal aínda que a obra se inicia cunha prolepse que avanza a morte de Xuan de Vilardefrancos. Proséguese con datos da infancia e mocidade do criado e do seu amo, don Fernando. A continuación prodúcese unha elipse temporal e nárrase o reencontro en París dos dous homes, presentándose ao tempo o personaxe de Anxélica, filla de don Fernando.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño