Anxélica
Florencio Vaamonde

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


A novela comeza cunha referencia á morte de Xuan de Vilardefrancos, criado de don Fernando de Silvoso. A relación entre Xuan e don Fernando excede á habitual relación criado-amo posto que foron educados xuntos e manteñen unha grande amizade. Os seus camiños diverxen na mocidade pois don Fernando marcha estudar a Santiago de Compostela, mentres que Xuan ingresa como soldado no exército capitaneado polo marqués de la Romana. Participa así en campañas militares en Francia, Rusia, Alemaña, etc. até que, anos despois, volve atoparse con don Fernando en París, onde este reside con Anxélica, a súa filla. O reencontro é aproveitado por don Fernando para lle ofrecer a Xuan o posto de mordomo na casa grande de Silvoso, en Ouces, xa que ten pensando afastarse da vida política e regresar á súa terra, feito que cómpre á súa delicada saúde. 

Anxélica, educada en París, distráese en Ouces lendo, paseando, etc. Afeita como estaba á axitada vida social parisiense tarda un tempo en afacerse á tranquila vida da aldea. 

Falecido Xuan de Vilardefrancos, preséntase na casa Estebo de Salorio para solicitar o posto de mordomo. Dada a enfermidade de Don Fernando todos os asuntos da casa pasan polas mans de Anxélica. Estebo namórase dela desde o primeiro intre. Anxélica amosa un crecente interese por el, aínda que o criado pensa que a súa condición social lle impide ser correspondido. Ela pensa que el é tímido, feito que a leva a trazar un plan para conseguir que se lle declare. A lectura do Orlando furioso inspíraa para acudir a unha das festas da aldea disfrazada de xeito que ninguén sexa quen de recoñecela. Estebo fíxase na moza descoñecida e despois de conversaren e bailaren, ofrécese para acompañala a casa. Ela trata de escusarse mais non consegue librarse del. Polo camiño ela intenta facerlle ver que “a súa ama” está namorada del, mais el non o acepta. Cando chegan á porta da casa, ela pídelle que lle ensine a horta. Manteñen relacións sexuais e Anxélica queda embarazada. As diferenzas sociais fana dubidar, mais Estebo, aconsellado por un seu tío, fórzaa a tomar unha decisión, contándolle que deixará en breve de ser o seu criado posto que seu pai ten amañado un casamento moi beneficioso socialmente para el. O principal impedimento que Anxélica ve é o seu propio pai, mais finalmente este morre a consecuencia da enfermidade que viña padecendo e, pouco tempo despois, Anxélica e Estebo casan. Un día despois do casamento nace a súa primeira filla. Anxélica dedica todo o seu tempo a refinar o seu home, ensínalle francés e todo o preciso para xestionar as súas terras. Un ano despois do nacemento da súa segunda filla, Anxélica morre deixando só a Estebo que, polo seu medre social, pasa a ser a envexa de moitos dos criados da aldea.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño