A pecadenta silenzosa
Manuel Bergueiro López

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


As parroquias de Conles e Abeiro centran o desenvolvemento narrativo. A novela ábrese coa descrición da parroquia de Conles; alí vive o Sr. Lourenzo da Boullosa, o taberneiro, máis coñecido como Petapouco. Na veciña parroquia de Abeiro hai un pazo, onde vive D. Xavier Feixóo de Castro. A finais do século XIX Prácido Feixóo, fillo deste e médico, realiza diversas viaxes por Europa. Nunha delas, polos Países Baixos, coñece ao tamén médico Roberto Koch. El e Feixóo traban amizade rapidamente e comezan a traballar xuntos. Cando Koch descobre o bacilo ao que lle dará nome, Prácido Feixóo escribe un libro sobre o mesmo. Os anos van pasando e Feixóo e Koch traballan xuntos en Berlín até que Prácido recibe unha carta da súa nai informándoo acerca da grave enfermidade do seu pai e pedíndolle que regrese. Cando chega a Abeiro atópase co enterro de seu pai. Prácido fica un tempo facéndose cargo dos asuntos familiares e viaxando ocasionalmente a Berlín. Finalmente abandona a investigación médica e instálase no pazo familiar. Ten xa corenta anos e, desexando formar unha familia, casa subitamente con Xenerosa, unha das criadas do pazo. Prácido e Xenerosa teñen dúas fillas, a primeira delas é María de la Consolación Feixóo Pereiro, coñecida por todos como Maruxiña da Consolación. A nena nace en 1884 e, no mesmo ano, o Sr. Lourenzo da Boullosa ten tamén un fillo, Manoel Alfonso.

Os nenos crecen xuntos e van xuntos á escola. Maruxiña convértese nunha fermosa moza e Manoel Alfonso comeza a destacar nos estudos; tanto que a nai pensa en facelo crego. El é un mozo virtuoso, calquera cousa que se propón lévaa a cabo con éxito. Os seus coñecidos e veciños están admirados polo cortés e respectuoso do seu comportamento con Maruxiña.

En 1897 o Sr. Lourenzo leva o seu fillo a Santiago de Compostela para que comece a carreira eclesiástica mais aos vinte anos decide facerse avogado, aínda que non abandona os estudos de teoloxía.

Na noite de san Xoán, Manoel e Maruxiña van á festa na parroquia do Requeixo en Conles. El emociónase polos sentimentos que ela lle esperta. Aos poucos días vense na misa e cítanse para esa mesma tarde no prado dos Batán, alí decláranse mutuamente o seu amor.

Tres anos despois a relación prosegue, mais Manoel Alfonso marcha cunha bolsa a Francia. Comeza así o seu periplo, posto que despois viaxa a Madrid co obxectivo de ingresar no corpo diplomático, conségueo e é destinado á Habana. Maruxiña vai ficando cada vez máis triste, escúsase dicindo que non recibiu del máis que unha carta en tres meses, mais a realidade é que quedou embarazada na noite da súa despedida. 

Maruxiña non resiste a situación e parte a Cuba na procura do seu namorado. Chega á Habana e comeza a traballar nunha tenda como costureira. Non consegue atopar a Manoel Alfonso e pensa que todo o que el lle dixo foron enganos e mentiras. Pouco a pouco o seu ánimo vai esmorecendo aínda máis. Un día, pola rúa, crúzase cun descoñecido que confunde co seu amor perdido, feito que a deixa desolada.

Mentres ela está na Habana a procuralo polos recunchos, el está de volta en Conles. Vai buscala e só atopa a nai dela que lle explica o que Maruxiña fixo dado o seu estado. Manoel desespérase e conta que, chegado á Habana, viu que a carreira diplomática requiría enormes gastos e que o soldo que gañaba non era suficiente para sobrevivir, así que solicitou un traslado a Bos Aires, tendo en mente o regreso a Galiza para reencontrarse con Maruxiña. 

O diplomático acaba marchando novamente a Madrid para preparar as oposicións a procurador, alí casa cunha moza madrileña. Pouco tempo despois nace a súa filla e trasládanse a Barcelona por mor do traballo del. Mentres tanto Maruxiña regresa a Conles deixando a Nazario, o seu fillo de oito anos, na Habana cos tendeiros para os que traballaba. Anos despois Nazario marcha a Barcelona e acaba casando coa filla do procurador de Conles sen que ninguén saiba do seu parentesco. 




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño